Galicia Vigo al minuto

A Deputación aprobará destinar 2,7 millóns a cinco concellos máis da provincia

Se destinarán a Tomiño, A Cañiza, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo

A Deputación de Pontevedra aprobará este venres novos recursos, por valor de case 2,7 millóns de euros, para os concellos de Tomiño, A Cañiza, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo.

Plan Concellos

En concreto, Tomiño, Vilagarcía e A Cañoza, recibirán 440.686€ da liña 1 do Plan Concellos.

Tomiño recibirá dúas achegas de máis de 375.000 € da Deputación. Así, destinaranse 261.574 euros para a integración do campo da feira no espazo público peonil do Seixo entroncando coa rúa Gondomar de xeito seguro para as/os peóns. Neste eido, a presidenta, Carmela Silva, aproveitou a ocasión para poñer en valor o grande avance impulsado por Tomiño “na creación de espazos públicos para as persoas con recursos e investimentos da Deputación”. Amais, mediante outra achega de 115.092 € destinada á mesma vila tamén se vai equipar e reformar a cuberta do auditorio de Goián.

A Cañiza e Vilagarcía

No caso da Cañiza, os recursos da Deputación ascenden a 60.000 € que permitirán á vila adquirir unha motoniveladora para manter as vías muncipais. Finalmente ata Vilagarcía irán 4.018€, procedentes da baixa dunha adxudicación, para o campo de fútbol de Vilaxoán.

Convenios Pontevedra e Vigo

Xa fóra do Plan Concellos, que non afecta ás cidades de Pontevedra e Vigo, a Xunta de Goberno aprobará tamén este venres convenios cos dous concellos para executar actuacións que ascenden a 2,24 millóns de €.

No que respecta a Vigo trátanse de 616.000 € dos que a Deputación, tal e como informou a presidenta, achegará 600.000 € e o concello 16.000 €, e permitirán construír estruturas cubertas nos centros educativos de Balaídos e Pintor Laxeiro. “Trátase dunha grande demanda dos centros educativos, que debería facer a Xunta de Galicia que é a que ten competencias nesta materia pero que como non o fai son os concellos os que se fan cargo”, asegurou.

No que respecta a Pontevedra, o convenio entre a Deputación e o goberno local ascende a 1.621.644,44 € dos cales a institución provincial financia a súa totalidade. Con estes recursos executarase un novo campo de fútbol de herba artificial en Salcedo, construíndo tamén, tal e como detallou a presidenta, novas edificacións para vestiarios, aseos, cantina, enfermería e almacéns, así como bancada e outra estrutura complementaria para almacén de bicicletas e aula de natureza.

También te puede interesar