'Qué te cuentas?' Galicia

O BNG propón usar os 33 millóns de remanentes en accións fronte á COVID

Dende o Bloque estiman que as obras de Vigo deben financiarse con cargo ao orzamento de 2021

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha emenda á totalidade á proposta de modificación orzamentaria, promovida polo Goberno municipal de Vigo, para a utilización de 33 millóns de euros de remanentes.

A proposta do BNG é que se dediquen a “combater os efectos sociais e económicos da crise do coronavirus”, alargando as políticas sociais e a axudas ao tecido comercial e cultural da cidade.

As obras deben financiarse con cargo aos ‘orzamentos ordinarios’

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, xustificou a emenda sobre o criterio de que “estes recursos extraordinarios deben dedicarse a atender as necesidades prioritarias que se derivan da crise da Covid19”.

 “Non discrepamos de moitas das actuacións incluídas na proposta do Goberno, que son na súa maioría obras en diferentes rúas e ámbitos da cidade, pero consideramos que deben financiarse cos orzamentos ordinarios de 2021“, acrecentou.

Axudas sociais: 10 millóns tecido comercial, PEMES e autónomos

A emenda nacionalista propón a creación dunha liña de axudas directas ao tecido comercial, PEME e persoas traballadoras autónomas por importe de 10 millóns de euros. Adicionalmente demandan destinar outros 2 millóns de euros a unha campaña de promoción do consumo local no pequeno e mediano comercio e na hostalaría da cidade.

3,5 millóns a actividades formativas, culturais e deportivas

No ámbito sociocultural propoñen, tal e como demanda o movemento veciñal da cidade, un programa extraordinario de apoio ás actividades formativas, culturais e deportivas prestadas por entidades sen ánimo de lucro, dotado con 1 millón de euros. Para evitar que o tecido e a industria cultural da cidade quede “desertizado” defenden unha liña de axudas directas a este sector por importe de 2,5 millóns de euros.

2 millóns para o albergue, e 10,5 a programas contra a exclusión

Co obxectivo de fortalecer e alargar as políticas sociais nun contexto de crecente empobrecemento e desemprego, o BNG inclúe na súa emenda dedicar 2 millóns de euros para a ampliación do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (albergue), para corrixir a súa estrutural insuficiencia no número de camas e brindar unha mellor atención á poboación sen teito.

O Bloque demanda, tamén, a creación dun programa municipal de distribución de alimentos, toda vez moitas das entidades sociais que prestan estas axudas están superadas pola demanda, e unha liña extraordinaria de axudas de garantía habitacional para persoas empobrecidas ou en situación de exclusión social, con 4,5 e 6 millóns de euros respectivamente.

2 millóns cubrición de áreas esparcimento e 3 a colexios públicos

Dedicar 2 millóns de euros á cubrición de parques infantís e áreas de esparcemento social, para permitir a utilización segura destes espazos ao aire libre tamén nos días de choiva, ou atender as necesidades extraordinarias derivadas da Covid19 dos centros educativos públicos da cidade, con 3 millóns de euros, completan a proposta alternativa do Bloque.

También te puede interesar