'Qué te cuentas?' Destacados

Carmela Silva apela á secretaria de Igualdade da Xunta para lograr o peche dos prostíbulos

“Non podemos esquecer que estas mulleres son escravas, vulnerables e debemos protexelas”

A presidenta da Deputación de Pontevedra vén de remitir unha carta á secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, “apelando á súa sensibilidade e ás súas declaracións a favor do abolicionismo”, para que os prostíbulos e clubs de alterne se inclúan na listaxe de establecementos a pechar no marco da Orde de Restricións para facer fronte á Covid-19. 

“É intolerable”, asegurou Silva, que se “tomen decisións moi restritivas para sectores fundamentais da nosa economía” mentres os clubs de alterne e prostíbulos permanecen abertos”.

Varios locais abertos na provincia

Na carta, a presidenta da Deputación, amais de lembrar que estes locais “son un foco de contaxio” con casos xa rexistrados nalgunha localidade da provincia de Pontevedra, chama a “actuar” con “rotundidade” porque “non podemos esquecer que estas mulleres son escravas, vulnerables e debemos protexelas”. 

Amais, neste contexto,  a presidenta provincial aproveitou a ocasión para pedir que se poñan en marcha axudas económicas para paliar a situación de vulnerabilidade das mulleres afectadas, e amosou o seu desexo de que este paso sexa “o inicio do peche permanente destes locais, verdadeira lacra para unha sociedade xusta e igualitaria”.

Carmela Silva amosou a súa confianza en López Abellá para que a petición “non caia en saco roto” e expresou a súa total disposición para colaborar “nesta xusta demanda”.

Neste eido, a presidenta recordou que, “por riba de cores políticas”, xa durante a última xornada de comunicación, igualdade e violencia contra as mulleres da Universidade de Vigo, fixo un recoñecemento público” á secretaria de Igualdade da Xunta pola súa posición “rotunda” a favor da abolición da prostitución. “Esta posición abolicionista, que recoñecemos, ten que ir acompañada de actuacións. Esperemos que así sexa”.

También te puede interesar