A poucas horas de que inicie a aplicación das novas medidas restritivas decretadas pola Xunta, o Bloque Nacionalista Galego urxe o Goberno local a adoptar medidas en relación á redución de aforo nos buses urbanos.
De 44 a 26 persoas por autobús
Segundo o recollido na orde da Consellaría de Sanidade, a capacidade dos autobuses debe reducirse ao 50% das prazas con asento e a unha sexta parte do máximo de pasaxeiras e pasaxeiros de pé. «Isto suporá pasar do máximo de 44 persoas que en teoría, pero non na práctica, se estaba aplicando até agora a apenas 26 prazas«, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas volveu demandar do Goberno municipal que actúe sobre «un servizo que é de titularidade municipal e que resulta esencial para a veciñanza. Non é aceptábel que sigamos vendo buses ateigados e ao tempo nas cocheiras de Vitrasa haxa até 20 buses parados sen circular».
Os condutores non coñecen os novos aforos
Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista, alertou de que, segundo a información da que dispón, Vitrasa inda non trasladou ningunha instrución ao persoal condutor en relación aos novos aforos.