Cultura Vigo al minuto

Greenpeace, demoledor coa actuación medioambiental do Goberno local de Vigo

Poucos espazos verdes, un mal transporte público e un despilfarro nas luces de Nadal

Este sábado, a Praza do Progreso de Vigo, sobre o mercado municipal, amenceu enchida de cor e de elementos amigábeis para o peón, que deixan de lado o gris e o cemento que a caracterizan. Trátase dunha iniciativa da organización ecoloxista Greenpeace por mor do ‘Día Mundial das Cidades‘, que se celebra hoxe 31 de outubro, para pedir espazos públicos de calidade e máis sostíbeis.

Voluntarios e voluntarias de Greenpeace instalaron na praza un espazo verde de máis de 200 metros cadrados e unha gran pancarta na que o lema da cidade, “Vivimos nunha cidade fermosa”, transformouse nunha reclamación ecoloxista: “Queremos unha cidade fermosa e sostíbel”.

Tamén levaron ducias de árbores de até oito especies autóctonas (carballos, bidueiros, nogueiras, cerdeiras, sabugueiros, loureiros, pradairos, castiñeiros), mobiliario e aparcadoiros de bicicletas para reivindicar ao tempo unha cidade con máis espazos públicos de calidade e unha mobilidade máis sostíbel. As árbores serán posteriormente plantadas polo voluntariado de Greenpeace nun monte periurbano, en colaboración coa Comunidade de Montes de Teis.

Tamén en Vigo, activistas da organización ecoloxista “hackearon” carteis e sinais para esixir máis carrís bici, mellor transporte público, acceso a enerxía limpa e a alimentos ecolóxicos e de proximidade ou máis espazos verdes, entre outras demandas.

Espazos públicos de calidade fronte a humanizacións grises

A pandemia da COVID-19 puxo de manifesto como ningunha outra cousa que necesitamos espazos públicos máis amplos e seguros, máis servizos de proximidade nos barrios e, no seu conxunto, cidades máis sustentábeis e resilientes.

Vigo só dedica 4,5m2 a espazos verdes por habitante

” Vigo non se caracteriza pola súa cantidade de zonas verdes”, pois dedica só uns 4,5 metros cadrados por habitante, moi lonxe de cidades como Santiago e A Coruña. O propio alcalde recoñecía estes días atrás que Vigo é unha das cidades de España con menos espazo común cidadán e menos zonas verdes”. Esta situación agrávase máis aínda no centro urbano, onde ducias de novas humanizacións de rúas moi deterioradas crearon beirarrúas máis anchas e contornas máis aceptábeis, mais reincidindo nun concepto de cidade gris, onde desaparece o verde e o natural, como está a acontecer co bulevar da Gran Vía ou a Ronda de Don Bosco.

Malia que Greenpeace celebra que o borrador da novo PXOM, previsto para 2023, prevexa dobrar a superficie de espazos verdes na cidade con até oito novos parques, estes, puntualiza, situaranse só na periferia da cidade e o centro urbano segue o seu proceso de desnaturalización, con prazas e rúas máis duras e hostís. De igual xeito, Vigo segue a desaproveitar o privilexio de contar cunha gran zona litoral urbana, que permanece de costas á cidade.

Membros de Greenpeace, este sábado na Praza do Progreso/ Fotos: Greenpeace

O vehículo particular, un problema de primeira orde

Acadar unha cidade cunha mobilidade sostíbel está aínda moi lonxe de ser unha realidade en Vigo, onde o uso do vehículo privado é dos maiores de España e a enorme contribución da cidade na xeración de emisións impulsoras do cambio climático unha materia pendente.

Dos aproximadamente 750.000 viaxes diarias que se realizan no municipio case o 70 % son motorizados, cifra que ascende ao 80 % cando consideramos as viaxes exteriores. Nestas viaxes o uso do vehículo privado predomina de forma abafadora sobre o transporte público, e os desprazamentos non motorizados (a pé e bicicleta) son só do 32 % en viaxes interiores e dun ridículo 1 % nos exteriores.

Asemade, o excesivo tráfico xerado pola ausencia dunha mobilidade sostíbel provoca que o 74 % dos habitantes da cidade se amosen insatisfeitos co nivel de contaminación acústica e o 62 % manifeste que Vigo ten problemas coa contaminación atmosférica.

O túnel de Porta do Sol o contrario a un modelo de cidade sostíbel

Para Greenpeace o proxecto do túnel da Porta do Sol é sen dúbida o gran paradigma do modelo de cidade insostíbel que Vigo non debería impulsar, cando existen sobradas alternativas para a necesaria peonalización do centro, como ben indicou a asociación Vigo Histórico.

Cuns 18 millóns de euros de orzamento, a intención é agachar por baixo da alfombra as emisións de milleiros de vehículos, perpetuando o tráfico rodado no centro da cidade.

Demandas á Alcaldía

Con este panorama Greenpeace enviou unha carta ao alcalde cunha serie de demandas.

A organización celebra que Vigo se unise ás cidades que impulsan a bicicleta coa inauguración do primeiro carril bici, mais antóllase moi insuficiente e faise necesario un plan director ciclista que fixe as medidas a seguir para consolidar a bicicleta como forma de transporte preferente, apostando pola intermodalidade co transporte público e a integración con proxectos como Vigo Vertical. Tamén reclama campañas de promoción e educación viaria e medidas de pacificación do tráfico, como propuxo recentemente Vigo Ciclábel, plataforma da que tamén fai parte Greenpeace.

Amais, en opinión da ONG existen numerosas deficiencias no transporte público, que se debe impulsar de xeito decidido tanto no eido urbano coma interparroquial e metropolitano, cuestión na que nin o alcalde nin a Xunta axudaron moito nos últimos tempos co seu enfrontamento. Apuntan que Vigo necesita un transporte público de alta capacidade, que se pode lograr potenciando o autobús, pois é das poucas grandes cidades do Estado sen un sistema de transporte público masivo.

Por último, Greenpeace quixo tamén comentar o discurso de malgasto do alcalde, Abel Caballero, ao redor das luces de nadal.Embelecer a cidade nunha data tan sinalada para moitas persoas debería ser compatíbel coa sustentabilidade. O discurso de malgasto que enarbora o alcalde é malo para a cidade e para o planeta e constitúe un moi mal exemplo que, asemade, transcende á cidade e faise tamén desde a presidencia da Federación Española de Municipios e Provincias. Pedímoslle a Abel Caballero un pouco máis de responsabilidade neste sentido”, concluíu Manoel Santos, cordinados de Greenpeace en Galicia .

También te puede interesar