Galicia Vigo al minuto

A Deputación aproba inversións para Moraña, Tui, Rodeiro, O Grove e A Illa

 O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas do ‘Plan Concellos 2020’ por importe dun millón de euros. As mesmas beneficiarán a Moraña, Tui, Rodeiro, O Grove e A Illa. Estas axudas permitiranlles abordar investimentos relacionados coa mellora dos viarios urbanos e dotacións de equipamentos municipais.

Tui, 500.000€

O Concello de Tui recibirá achegas, por preto de medio millón de euros. Con 154.352€ poderá financiar o acondicionamento da ruta peonil e vía ciclista na rúa Loureiro. Amais, poderá habilitar dúas áreas recreativas: no recinto do antigo Colexio Rural Agrupado de Bornetas, en Caldelas (107.105€), e no lugar da Gándara, en Guillarei (127.676€). Tamén recibirá 93.877€ para a renovación da capa de rodadura da rúa Loureiro.

Moraña, 200.000€

Moraña beneficiarase de dúas achegas, unha por 111.027€ para as obras de mellora urbana na rúa 1 de Santa Lucía. Trátase da rúa principal do núcleo municipal e estes traballos prevén a reforma das beirarrúas existentes e a eliminación das barreiras arquitectónicas. A outra achega, de 86.157€, será para a renovación de pavimento en camiños municipais da parroquia de Lamas. As obras están previstas en camiños situados nos lugares do Souto, A Aldea da Fonte e Grixó, na parroquia de Santa Cruz de Lamas.

Rodeiro, 200.000€

Rodeiro, recibirá unha achega de 197.411€ para a mellora de accesos e a pavimentación de rúas. En concreto, arranxaranse as de Failde (parroquia de Santo Estevo do Salto), Vilela (na parroquia de Santa María de Vilela), A Torre de Carboentes, Carboentes e Bardelás (Santo Estevo de Carboentes),  Pescoso (Santa Mariña de Pescoso), Paredes (Santa María de Alceme) e Ourín (na parroquia de San Martiño de Asperelo).

A Illa, 150.000€

A Illa de Arousa disporá de 151.757€ para a adecuación do aparcamento disuasorio do Bao. Este estacionamento disuasorio sitúase á entrada do municipio e funciona como aparcamento ocasional, aínda que sen adecuar a este uso. O Concello sinala que no verán prodúcese un colapso de tráfico coa entrada de vehículos que acceden ás praias.

O Grove, 62.000€

Por último, O Grove percibirá 62.054€ para financiar os traballos de reparación no edificio do club de deportes náuticos.

Outros cinco concellos da provincia terán caldeiras sustentables

O goberno provincial tamén vén de adxudicar, cun importe de 437.030€, as obras de substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa en outros cinco concellos, para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono ao abeiro das convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE. O obxectivo é a sostibilidade e a eficiencia enerxética de instalacións da Guarda, Salvaterra, Mondariz, Portas e Caldas de Reis coa redución das emisións contaminantes e un aforro enerxético do 25%.

Administración electrónica nos concellos e entidades locais

O goberno tamén aprobou o expediente de contratación para o soporte da administración electrónica para os concellos e as entidades locais da provincia ata o 2024. O contrato parte dun orzamento base de licitación de 578.500 € para o 2021 e conta cun valor estimado de preto de 1,9 millóns de euros para todo o período. 

También te puede interesar