RGPD - Cookies
Ciencia y Tecnología Cultura

As dunas do Vao declaradas pola Xunta ‘Espazo Natural de Interese Local’

O Concello asume a súa conservación supervisado polo Goberno de Galicia

Diario Oficial de Galicia publica este mércores a orde pola que se declara, de xeito definitivo, espazo natural de interese local o Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, xunto co decreto de aprobación do seu plan de conservación.

Responsabilidade do Concello

Con esta figura de protección, o Concello, como promotor da solicitude e responsable da súa xestión, asume o compromiso de poñer en práctica todas as medidas necesarias para garantir a conservación dos valores naturais que representa. Esta declaración tamén lle da preferencia no acceso e obtención de axudas destinadas a garantir a súa preservación e mellorar a xestión desta zona. Trátase do primeiro ENIL declarado definitivamente en Vigo e o sexto de toda Galicia.

Supervisión da Xunta

Coincidindo con esta publicación, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse ata a zona para pór en valor este recoñecemento, e avisar ao Goberno local que o Executivo autonómico encargarase de vixiar e supervisar que se cumpran as medidas detalladas no plan. É dicir, que se respecten os usos e as actividades permisibles que nel se recollen, así como as limitacións que se consideren necesarias para garantir a súa conservación.

Plan conservación

O plan de conservación, redactado pola propia Administración local para un período inicial de seis anos, fixa a normativa e as medidas de xestión necesarias para garantir a conservación dos valores naturais presentes neste espazo natural, pertencente na súa totalidade ao dominio público marítimo-terrestre.

Deste xeito, o Goberno municipal de Vigo comprométese a garantir a conservación das especies e hábitats presentes neste espazo e, para iso, disporá dunha serie de medidas que se detallan no propio plan e dun financiamento previsto de 815.652,52 euros.

Estes fondos investiranse principalmente en tarefas de restauración e conservación dos hábitats dunares, eliminación de especies invasoras, xestión do uso público e mantemento do ENIL, potenciación da conectividade do espazo co contorno, e protección da paisaxe.

A ampliación do coñecemento científico e as accións de divulgación, sensibilización e educación sobre o ámbito do novo ENIL tamén están previstas no plan. Cómpre recordar que os espazos naturais de interese local son aqueles lugares integrados nun termo municipal que polas súas singularidades son merecedores dalgún tipo de protección dos valores naturais que atesouran.

Principais valores e característica

O ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte localízase na grande área paisaxística das Rías Baixas, na comarca de Vigo Litoral, de acordo coa clasificación fixada no Catálogo das paisaxes de Galicia. O seu ámbito abrangue unha lonxitude lineal ao carón da beira do mar de 780 metros e unha superficie de 11,40 hectáreas.

Así mesmo, está totalmente integrado no ámbito de aplicación do Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL), en concreto na unidade da paisaxe Canido, e dentro das áreas continuas de protección costeira e mellora ambiental e paisaxística.

Os areais do Vao e Baluarte son un referente nos procesos de recuperación ambiental dos sistemas dunares degradados. De feito, foi un gran sistema dunar sometido a unha forte presión na década dos 80, aínda que logrou recuperarse paulatinamente.

Alberga unha representación diversa de especies, con comunidades vexetais como as dunas móbiles embrionarias, colonizadoras de primeira liña; as dunas móbiles costeiras colonizadas por Ammophila arenaria que conforman a segunda banda do sistema dunar; e as dunas costeiras fixas, con vexetación herbácea ou grises das costas atlánticas, con substratos fixos ou semifixos, colonizadas por herbáceas e pequenos arbustos resistentes á influencia do vento mariño.

Con respecto á fauna, destacan as aves sobre o resto de especies e, entre elas, o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), a garza real (Ardea cinerea), a garzota (Egretta garzetta), a gaivota de cabeza negra (Larus melanocephalus) e o gaivotón (Larus marinus).

Máis ocasionalmente, tamén se encontran exemplares de carrán cristado (Thalasseus sandvicensis), mazarico galego (Numenius phaeopus), bilurico común (Tringa totanus) e bilurico das rochas (Actitis Hypoleucos), pilro curlibico (Calidris alpina) e pilro bulebule (Calidris alba), ademais de moluscos como o caracol (Theba pisana).

También te puede interesar