RGPD - Cookies
Cultura Vigo al día

A Deputación lembra a escritoras que contribuíron á loita pola igualdade

Vigo acollereu a mulleres que «representan o mellor da literatura»

Ao abeiro do Día das Escritoras, a Deputación de Pontevedra rendeu esta tarde homenaxe e tributo, “case un desagravio”, ás grandes mulleres da literatura que ao longo da historia, e a pesar de ser esquecidas nas antoloxías literarias, contribuíron coa súas obras á loita pola igualdade.

Escritoras, mestras, xornalistas e mulleres e homes do mundo da cultura prestaron as súas voces para que fragmentos de obras inesquecibles de creadoras como Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Carmen Baroja, Elena Fortún, Concha Méndez, Teresa de Jesús, Mercé Rodoreda, Josefina Carabias, Gloria Fuertes, Ana María Matute o Circe Maia,
entre outras.

Protagonistas dun movemento cultural «potentísimo»


A presidenta da Deputación, que leu un fragmento de “La Hija del Mar”
de Rosalía de Castro, aproveitou a ocasión para facer fincapé no papel que están a desenvolver as mulleres na cultura e na escrita: “estades a ser protagonistas dun movemento cultural potentísimo en Galicia que ten nome de muller”.

Neste eido, Carmela Silva resaltou que “esta sede acolle hoxe a mulleres que representan o mellor da literatura, con mulleres de hoxe, de onte, de mañá, que son voz clara e das que dende a Deputación nos sentimos orgullosísimas”.

En 2021 imos «montar unha que vai valer por mil»

Silva lembrou que ao longo da historia as mulleres “fomos silenciadas, esquecidas, enterradas, negadas, pero somos unha forza potentísima disposta a ocupar todos os espazos, a metade de todo, porque a metade de todo é noso”. Por iso, e pese a pandemia, destacou, debemos “celebrar como se merece o Día das Escritoras” e amosou a vontade de “montar unha para o ano que vén que vai valer por mil”.

Isabel Blanco, Ledicia Costas, María Lado ou María Xosé Queizán

A lectura dos textos desenvolveuse atendendo ao ano de nacemento das
escritoras homenaxeadas, cuxas imaxes foron sucedéndose nunha pantalla.
Deste xeito, a autora Isabel Blanco foi a encargada de iniciar o acto coa recitación dun poema de Teresa de Jesús, e as intervencións continuaron nun primeiro bloque con Ledicia Costas que leu a Sor Juana Inés de la Cruz;
Carmela Silva, que deu voz a Rosalía de Castro; Silvia Penas, cun texto de Emilia Pardo Bazán; o director do MARCO Miguel Fernández-Cid, que leu a Carmen Baroja y Ness; a deputada provincial de Cultura Victoria Alonso coa lectura dun fragmento da obra de Elena Fortún; a escritora María Lado cun texto de Concha Méndez; a autora An Alfaya, que leu a Errose Bustintza; María Xosé Queizán, que puxo voz á obra de Victoria Durán e Inma López Silva, que recitou un poema de Dulce María Loynaz.

Na segunda quenda interviñeron Teresa Zataraín, coa lectura dun texto de Luisa Carnés; Esteban Valverde, director do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que leu a Josefina Carabias; a xornalista Sandra Penelas, que puxo voz á obra de Mercé Rodoreda; a escritora Mar Nieto, que leu a Gloria Fuertes; a xornalista Ana Fuentes, que recitou un poema de Pura Vázquez; a autora Lara DoPazo, cun poema de Idea Vilariño; a profesora María Jesús Pérez, cun texto de Ida Vitale; a profesional das artes escénicas María Costa, que leu a Ana María Matute; a doutora en Filosofía Raquel Vázquez, que recitou a Blanca Varela e, por último, o libreiro Xurxo Patiño, que deu voz a Circe Maia.

También te puede interesar