Galicia Vigo al minuto

O BNG urxe a Caballero a retificar a decisión de pechar a metade dos parques infantís de Vigo

“As familias non poden entender como habendo recursos municipais se fechan a metade dos parques infantís da cidade”

O BNG vén de expresar a súa discrepancia coa decisión adoptada polo Goberno municipal de non seguir coa desinfección dos parques infantís e áreas biosaudábeis, como estaba a facer desde a súa reapertura.

“É unha decisión pouco razoábel, pouco razoada e moi difícil de xustificar”, sinala o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “O único argumento que se utiliza polo Goberno municipal é o custe estimado de 1,5 millóns de euros ao ano, cando o Concello dispón de 270 millóns de euros de orzamento dos que unha boa parte non se van poder executar este ano. Non hai polo tanto un problema de falla de recursos”.

O Bloque apoia que o Goberno local demande á Xunta que transfira aos concellos os cartos para a desinfección de espazos públicos.

As crianzas non teñen culpa

“O que lle queremos dicir a Abel Caballero é que as nenas e os nenos de Vigo non teñen a culpa, non son responsábeis de que a Xunta non transfira eses recursos. As familias non poden entender como habendo recursos municipais se fechan a metade dos parques infantís da cidade, unicamente para utilizar as crianzas de Vigo como arma arreboladiza na disputa permanente entre Concello e Xunta”.

Desde o  Bloque agardan unha rectificación e que nos próximos días se proceda a reiniciar a desinfección de todos os parques infantís.

También te puede interesar