Vigo al minuto

O BNG propón novas lanzadeiras de Vitrasa ao Cunqueiro

Tamén pide un aumento das frecuencias das liñas xa existentes

O Bloque pide a Caballero que prepare o rescate da concesión de Vitrasa

O Bloque Nacionalista Galego demandou este martes unha mellora do “rotundamente insuficiente” servizo de Vitrasa até o hospital Álvaro Cunqueiro.

Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG, considerou que o problema non se resolve cun “retoque no percorrido dunha das liñas”, en alusión ao cambio anunciado na H1, senón que esixe da posta en marcha de novas lanzadeiras e un aumento das frecuencias nas liñas xa existentes.

As catro liñas non atenden as necesidades dos usuarios

Igrexas explicou que neste momento as catro liñas en funcionamento non atenden a necesidade de transporte cara ao hospital. “Temos unha liña H, que só conecta Navia cun único bus os días laborábeis a primeirísima hora da mañá. Unha H1 con buses cada hora pero sen servizo en fins de semana. Unha H2 con frecuencias de 30 minutos, claramente insuficientes. E unha H3 que só realiza dúas viaxes en días laborábeis en horario de mañá”, explicou.

Necesaria unha “mellora substancial” do servizo

O BNG propón a creación dunha nova liña desde a Praza de España e doutra desde Navia-Coia, mais demandando que se estuden outras necesidades e que se atenda tamén a conexión de todos os barrios e parroquias.

Por outra parte, Igrexas reclamou que se aumenten as frecuencias en todas as liñas existentes, para garantir un bus cada 15-20 minutos, o que facilitaría o transbordo e reduciría os tempos de viaxe “maratonianos” que hoxe padecen as viguesas e os vigueses.

También te puede interesar