Comarcas

As Neves rehabilita a ‘casa dos mestres’ de Vide para o ‘Programa de Vivendas Baleiras’

O proxecto, redactado polo arquitecto municipal en febreiro deste ano, recolle unha serie de traballos de acondicionamento que non alterarán as prestacións da edificación nin da vivenda

A plataforma de contratación do Estado vén de publicar a rehabilitación da ‘casa dos mestres’, na parroquia de Vide con destino ao ‘Programa de Vivendas Baleiras’, impulsado polo Concello das Neves.

O Concello levará a cabo, así, a adecuación da antiga vivenda de mestres anexa á Escola de Vide. O proxecto, redactado polo arquitecto municipal en febreiro deste ano, recolle unha serie de traballos de acondicionamento que non alterarán as prestacións da edificación nin da vivenda. Realizarase un cambio da distribución, renovación dos acabados, renovación das carpinterías, tanto exteriores (aquelas que se atopan en mal estado) como interiores, renovación das instalacións interiores e incluso acometidas ás redes de subministro e renovación da cuberta.

Mantense o mesmo cerramento existente, que conta con carpintería de aluminio e algúns elementos de madeira que serán substituídos por aluminio de similares características ao existentes. Realizaranse melloras no illamento das paredes e procederase á limpeza da cuberta. Finalmente, as instalacións dotaranse para cumprir as condicións de habitabilidade.

As obras executaranse nun prazo estimado de seis meses dende o seu inicio, e licitaranse por un orzamento de 53.908,30 €, que se co-financiará con fondos da subvención para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

También te puede interesar