RGPD - Cookies
Comarcas Vigo al día

Unha nécora de 8 metros situada en Samil desafía ao ‘Dinoseto’ como centro dos ‘selfies’ de Vigo

A peza da nécora central foi elaborada por Rodrigo García, ex-alumno da Escola de Cantería e profesional con obradoiro en Canido, mentres que os dous bancos laterais coas inscricións Cíes e Vigo son obra de Bruno Comesaña, alumno de cuarto curso

A área de Samil conta dende este martes cun «punto selfie» formado polo conxunto escultórico Cíes-Vigo, doado á cidade de Vigo pola Deputación de Pontevedra, que ofrece a posibilidade de retratarse entre as pinzas dunha «impoñente nécora de granito» co fondo incomparable da ría e a silueta das Illas Cíes.

A presidenta da Deputación, acompañada do alcalde, Abel Caballero, dos autores da obra, foi a encargada de descubrir e dar por inaugurada a escultura, de 8 metros de lonxitude e case 2 de altura, que está «destinada a converterse noutra das imaxes icónicas da praia máis coñecida e visitada da cidade».

Carmela Silva amosouse «encantada» de poder ter colaborado para que Vigo gañe «unha escultura máis neste Samil marabilloso que é un orgullo para as viguesas e os vigueses».

Escola de Canteiría da Deputación

A peza da nécora central foi elaborada por Rodrigo García, ex-alumno da Escola de Cantería e profesional con obradoiro en Canido, mentres que os dous bancos laterais coas inscricións Cíes e Vigo son obra de Bruno Comesaña, alumno de cuarto curso.

Trátase dun dos últimos traballos da Escola de Cantería da Deputación. A  proxección internacional deste centro de formación foi enxalzada por Carmela Silva, quen destacou que o alumnado «traballa nalgunhas das obras patrimoniais máis grandes que hai no mundo».

A Escola, situada en Poio dende hai 41 anos, ten colaborado na restauración do Capitolio de Washington, do barrio de Chiado de Lisboa, da catedral de Santiago, a construción da Sagrada Familia de Barcelona ou na conservación da catedral de Westminster de Londres, entre moitas outras.

Pola súa banda, Abel Caballero revelou que o Concello barallou moitos emprazamentos para o conxunto escultórico antes de decidirse por  Samil, onde se buscou o encaixe coa ría, o mar e as Cíes.

«Antes aquí había un edificio horrible, que derrubamos, e creamos esta zona verde; agora poñemos un símbolo do mar en granito», «unha chiscadela a Vigo».

También te puede interesar