Comarcas

@depo_es impulsa a edición “máis necesaria e urxente” de #MulleresQueOpinan

“Agora era o momento de non renunciar a facer este encontro, é necesario e urxente que o fagamos”.

Con esta declaración de intencións, da xornalista pontevedresa Susana Pedreira, presentouse este xoves na Deputación de Pontevedra a edición on line e “exprés” de “Mulleres que Opinan”.

O evento, un ano máis, contará co apoio e colaboración da institución provincial e do Concello de Pontevedra.

A Presidenta Carmela Silva e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, arrouparon ás dúas organizadoras do evento, as xornalistas Susana Pedreira e Diana López Molares.

‘Mulleres que opinan’ será este ano de xeito virtual os días 26 e 27 de xuño, coa participación de oito columnistas referentes do panorama galego e do Estado.

Elas farán fincapé na situación “vergonzosa” das mulleres que, pese a ser máis do 63% das persoas graduadas en Xornalismo ocupan posicións residuais nas seccións de opinión e dirección dos medios de comunicación.

Crise do Covid-19

A presidenta da Deputación lembrou que durante esa crise sanitaria “os coidados convertéronse no centro de todo e foron as mulleres as que maioritariamente desde a sanidade, a dependencia ou a alimentación, estiveron na primeira liña”.

Carmela Silva lamentou que cando hai que falar do que aconteceu ou do que vai pasar “soamente aparecen os homes”. Por iso, salientou, “é fundamental que as mulleres falen, opinen, que amosemos rostros de mulleres”.

Aberta a inscrición

O encontro, para o que xa se pode formalizar inscrición (ata o 23 de xuño) a través das webs da Deputación e do Concello de Pontevedra, terá lugar a través de Zoom o 26 de xuño pola tarde e o 27 pola mañá.

También te puede interesar