Comarcas

@AsNevesConcello conta cunha nova App que permite aos veciños comunicar calquera avaría en tempo real

Bastará con facer unha fotografía co teléfono móbil

Dende o vindeiro luns, día 1 de xuño, as veciñas e veciños das Neves poderán comunicar ao Concello, en tempo real e empregando o seu teléfono móbil, calquera problema que atopen na vila.

Mediante a nova App ‘Linea Verde As Neves’, será posible informar, facendo so unha fotografía, de calquera avaría, dano, atranco ou perigo que se atope en calquera lugar do concello e que teña que ver co alumeado, abastecemento, saneamento, estradas, camiños e pistas urbanas e rurais, lixo e limpeza, compostaxe, punto limpo ou áreas de lecer e de deportes.

As avarías ou danos que se comuniquen chegarán ás persoas do Concello encargadas de reparalas e a veciña ou veciño que realice a comunicación recibirá un aviso no seu teléfono móbil informando do estado da reparación- se a mesma está en curso, cando está previsto acometela ou se xa se traballa nela-e en cando se solucione se lle enviará unha fotografía para que poida ver que, efectivamente, o problema está resolto.

Esta nova aplicación, que pode baixarse dende ‘Play Store’, abrangue tamén incidencias que poidan producirse en fontes e lavadoiros, áreas de deporte e de lecer e sinalizacións de tráfico, permite denunciar casos de acoso escolar e violencia machista e alertar de situacións de risco social ou sanitario.

Así mesmo, os cidadáns poden pedir información sobre medio ambiente, realizar consultas e obter respostas personalizadas en 24 horas, solicitar a recollida de residuos, buscar información sobre puntos de interese do concello ou acceder a outros servizos municipais como o de Turismo, Patrimonio, Urbanismo ou Edificios Públicos.

Os veciños e veciñas que o desexen poderán recibir no seu teléfono todas as comunicacións, novas de actualidade e alertas  que o Concello publique nas súas redes sociais e participar, tamén, en consultas e enquisas que se fagan dende a administración municipal.

También te puede interesar