RGPD - Cookies
Comarcas

@depo_es publica as bases das subvencións para entidades que fomentan a igualdade

A Deputación de Pontevedra vén de publicar as bases reguladoras das subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contras as violencias machistas.

Con respecto a anos anteriores, estas achegas adiántanse no calendario para que os colectivos e asociacións poidan ter os recursos canto antes. O goberno provincial incrementou as axudas ata os 108.000€.

O prazo de presentación das solicitudes para acceder ás subvencións será dun mes contado a partir do día seguinte ao do levantamento do ‘Estado de Alarma’. A súa presentación realizarase obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).

Poderán presentarse a esta convocatoria as entidades de iniciativa social que estean inscritas na área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

En liñas xerais, serán obxecto de subvención: proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; proxectos de atención integral a vítimas desta violencia, fillas e fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos e actividades que favorezan e fomenten a igualdade entre mulleres e homes; proxectos encamiñados a mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral; e campañas de difusión e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade.

A subvención concedida a cada entidade non poderá superar a contía de 6.000€ e as solicitudes presentadas valoraranse tendo en conta a calidade e contido técnico do proxecto, a súa incidencia social e os recursos e capacidade de xestión da entidade.

También te puede interesar