Galicia Vigo al minuto

O novo Centro de Saúde de Bouzas estará rematado a comezo de 2021

A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo unha videoconferencia co equipo responsable das obras do centro de saúde de Bouzas para supervisar o seu avance e as medidas de protección adoptadas por mor do COVID-19.

No encontro constatouse que estas actuacións, reiniciadas a mediados do mes de abril co levantamento das restricións, “se están a realizar coas necesarias medidas para evitar contaxios entre os profesionais da construción.”

En canto á evolución das obras, a conselleira precisou que se están a realizar procurando a máxima integración na contorna e minimizando as molestias aos veciños mediante o emprego de maquinaria menos potente para reducir os ruídos ou a xeración de po.

O novo centro de saúde, nas inmediacións da Alameda, contará cunha superficie construída de preto de 900 m², en dous volumes construtivos, comunicados mediante unha galería. A edificación, na que se investirán 1,4 millóns, está deseñada para dar cobertura a 10.000 usuarios e albergará as consultas de medicina xeral e de enfermería, así como sala polivalente, entre outros equipamentos.

Ethel Vázquez subliñou que a día de hoxe xa están executadas as demolicións do edificio existente e dos valados e está feita a escavación da parcela. En canto ás cimentacións, executáronse xa os micropilotes que soportarán a carga da estrutura do edificio.

A conselleira Indicou que neste mes o grao de execución deste centro de saúde se achegará ao 20%, pois se rematará a lousa de cimentación e comezará cos pechamentos do muro perimetral, se finalizarán os muros de formigón, que soportarán o teito da planta baixa, e se iniciará a montaxe do encofrado do primeiro forxado.

También te puede interesar