Galicia Vigo al minuto

Sanidade inicia o estudo epidemiolóxico sobre o Covid-19 con probas a 50.925 galegos

O Servizo Galego de Saúde comezó este xoves a primeira das dúas ondas de test que conforman o estudo epidemiolóxico co obxectivo de definir a auténtica dimensión da epidemia da COVID-19. Así, a segunda da súas fases, terá lugar dentro de catro semanas.

Con esta análise, a Consellería de Sanidade procurará un triple obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao COVID-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información.

O Sergas deseñará un mapa epidemiolóxico de Galicia a través de dúas mostras de 50.925 persoas distribuídas entre as diferentes comarcas e concellos galegos. Así, e dun xeito aleatorio, o Instituto Galego de Estatística (IGE) seleccionou en primeiro termo, un mínimo de 600 persoas en 38 áreas territoriais que agrupan a todas as comarcas e, de seguido, distribuíu proporcionalmente os restantes test segundo a súa densidade de poboación, até chegar as 50.925 mostras por fase.

Nas sete grandes cidades galegas, a realización de probas desta primeira onda será de 4.800 en Vigo, 3.500 en A Coruña, 2.800 en Ourense, 2.150 en Lugo, 1.900 en Pontevedra, 1.650 en Santiago e 1.500 en Ferrol.

A Consellería de Sanidade, a través dos seus recursos asistenciais, encargarase tanto da realización dos test como da recollida da información e, desde hoxe, comezará a citar a cada unha das persoas seleccionadas de xeito aleatorio polo IGE . Ademais, o Instituto Galego de Estatística será o encargado de enviar o listado coas persoas seleccionadas a cada un dos centros de saúde das áreas territoriais definidas.

A citación ás probas realizarase mediante contacto telefónico con cada unha das persoas seleccionadas e, tras realizárselles unha pequena enquisa concretarase unha cita para facer o test no centro de saúde especificado. Neste senso, a toma da mostra consistirá nunha punción dixital que tras ser introducida nun medio reactivo, indicará se esa persoa tivo contacto coa COVID-19 ou non. Ademais, no caso de que a persoa seleccionada para realizar a proba se atope encamada, o persoal do centro desprazarase até o seu domicilio. Cabe subliñar que os resultados das probas comunicaranse no mesmo día da súa realización, por medio dunha nova chamada telefónica.

También te puede interesar