RGPD - Cookies
'Qué te cuentas?' Ciencia y Tecnología

Especialistas da Sanidade Pública de Vigo publican un vídeo de exercicios para pacientes de coronavirus

Facultativos do servizo de Rehabilitación e Medicina Física do  CHUVI veñen de editar un vídeo dirixido a pacientes infectados con  COVID-19. No mesmo inclúense unha serie de táboas de exercicios orientados a facilitar a recuperación respiratoria.

A iniciativa está dirixida a pacientes que non presentan síntomas graves, tanto se están ingresados nas plantas de hospitalización coma se permanecen en illamento nos seus propios domicilios.

Os membros do servizo que dirixe o doutor Javier Juan consideran que son «exercicios moi sinxelos, ao alcance de cuantos pacientes teñan forzas suficientes para facelos, que serán a maioría».

Os protagonistas do vídeo son o doutor Ouviña e a doutora Fernández-Castañón. Ambos realizan, ao longo da sesión, todos os exercicios que propoñen ao paciente e describen cada un dos movementos. Ademais, utilizan materiais sinxelos como botellas de auga, cheas ou baleiras, un vaso de auga e unha palla.

«A gran vantaxe destes exercicios é que os enfermos poden facelos sós, sen necesidade de contar coa presenza física dun terapeuta ao seu lado», explica o doutor Rubén  Ouviña, que lembra no vídeo que eses exercicios nunca van poder substituír unha sesión de fisioterapia, pero que si se poden realizar no propio hospital ou domicilio.

Os facultativos protagonistas do vídeo consideran que «a pesar de ser sinxelos, son exercicios moi útiles para a recuperación respiratoria e serven tamén para a prevención de posibles complicacións, ao exercitar os pulmóns de forma adecuada».

Unha táboa completa
O vídeo pódese  visionar na canle de Youtube da área Sanitaria de Vigo, mediante a ligazón https://youtu.be/8zN2305UJzU e os seus autores recomendan que polo menos se procure realizar a táboa completa dúas veces ao día.

No mesmo recoméndase, paso a paso, o que debe de facer o paciente, sentado nunha cadeira. E sempre con seguridade: «No momento en que o paciente senta dor, fatiga ou mareo, debe deixar de facer os exercicios e comunicarllo ao seu médico».

Respiración  diafragmática, limpeza  bronquial, ventilación costal, expansión torácica, control  ventilatorio,  tonificación e fortalecemento muscular, tanto en respiración como en membros inferiores do corpo, son os exercicios que se expoñen no vídeo e que os seus protagonistas realizan no mesmo, a modo de exemplo para o paciente que está a seguir as táboas.

A idea de realizar o vídeo xurdiu no servizo de Rehabilitación e Medicina Física do CHUVI e hai hospitais doutras comunidades autónomas que o están adaptando aos seus respectivos idiomas autóctonos ou ás necesidades de cada centro.

«Con esta iniciativa pretendemos axilizar a recuperación aos pacientes de COVID-19, xa que ademais do exercicio de recuperación, tamén lles pode axudar a saír un pouco da súa rutina diaria», sinalan os doutores  Ouviña e Fernández-Castañón.

También te puede interesar