Galicia

Os beneficiarios do ‘abono alugueiro’ da Xunta non terán que pagar a renda da casa este mes

A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), comezou a aboar hoxe a renda correspondente ao mes
de abril de 541 beneficiarios do Bono de Alugueiro Social, un programa de axudas dirixido a colectivos desfavorecidos e con escasos recursos.

Deste xeito, ningunha destas familias terá que pagar nada en concepto de alugueiro en abril co fin de salvagardar o dereito á vivenda daqueles colectivos que, estando xa nunha situación de especial dificultade, poidan ser aínda máis vulnerables no actual estado de alarma.

Cómpre lembrar que o importe da axuda do bono alugueiro que asume normalmente a Xunta oscila entre os 175 e os 225 euros ao mes, en función do concello no que estea localizada a vivenda, mentres que o beneficiario paga pola súa conta o resto da renda mensual (aproximadamente o 50%).

En todo caso, no mes de abril e debido á crise provocada polo coronavirus, a Xunta asumirá o 100% do custo destes alugueiros -que ascenden a un importe total de 180.478.63€– de tal xeito que o beneficiario do bono non terá que pagar nada pola súa vivenda.

Aínda que a estimación inicial era chegar a uns 700 beneficiarios, nestes momentos son 541 as familias que teñen concedido e activo o bono de alugueiro social: 450 beneficiarios do bono ordinario e 91 da liña específica dirixida a vítimas de violencia de xénero. En todo caso, as persoas que teñen actualmente esta axuda en tramitación poderán beneficiarse tamén desta medida cando se completen todos os trámites do seu expediente.

También te puede interesar