Comarcas

Membros do goberno local de Nigrán realizarán servizos de asistencia a persoas en especial risco ante o coronavirus

O Concello de Nigrán pon en funcionamento dende este luns un servizo de asistencia a persoas en especial risco ante o Covid-19, ou en soidade ou sen medios, co obxectivo de facilitarlles a compra de alimentos, menciñas e mesmo o préstamo de libros, revistas ou dvds da Biblioteca Municipal (instalación pechada, como todas as dependencias municipais).

“Ante esta situación de alarma e emerxencia desde o goberno de Nigrán queremos transmitir á veciñanza máis vulnerable que non está soa, que estamos aquí para acompañar e axudar a levar mellor estes días de confinamento necesario, non somos alleos ás complicacións engadidas que supón este estado de alarma para moita xente”, subliña o alcalde, Juan González.

Así, o Concello facilita xa a liña telefónica oficial 986383930 (operativa de 9:00 a 14:00 horas) co obxectivo de xestionar a compra e entrega a domicilio de menciñas e alimentos. Para requirir o préstamo a domicilio dalgunha publicación do catálogo da Biblioteca Municipal ou revistas, prensa… o teléfono de contacto é o da propia Biblioteca (986383979) de 10:00 a 12:00 horas (igualmente, o Concello anula ata novo aviso o prazo de devolución de préstamo de libros para aquelas persoas que actualmente teñen algún). En ambos casos (alimentos ou publicacións) o reparto a domicilio é para persoas en especial risco ante o Covid-19, ou en soidade ou sen medios.

O servizo, composto polos propios membros do goberno e algunha persoa voluntaria, irá convintemente identificado e facilitará de xeito persoal a entrega a domicilio seguindo estrictamente todos os protocolos de seguridade. “Entendemos que moitos veciños queren axudar, pero por responsabilidade ante esta situación pedimos que todo se canalice a través deste equipo oficial reducido a dez persoas e convenientemente identificado e controlado por todas as autoridades competentes, as boas intencións non son suficientes nestes casos, ten que haber un control exhaustivo da xente que presta o servizo”, indica o rexedor ante a proliferación de diferentes grupos de whatsapp na comarca.

“Paciencia, cariño e calma, é o que desexamos trasmitir á poboación nestes intres”, insiste. Igualmente, o goberno garante o servizo de reparto de alimentos a persoas en situación de vulnerabilidade económica así como o servizo de axuda a domicilio, tal e como se ven facendo durante todo o ano.

Paralelamente, e nesta liña de compromiso coa veciñanza, desde o goberno de Nigrán habilitouse unha partida orzamentaria de 10.000 € destinada a toda continxencia que poida xurdir relacionada coa pandemia.En Nigrán vivimos unha situación crítica cos incendios de 2017 e queremos repetir os acertos desa xestión sendo previsores”, explica.

También te puede interesar