Comarcas

Membros do goberno local de Nigrán realizarán servizos de asistencia a persoas en especial risco ante o coronavirus

O Concello de Nigrán pon en funcionamento dende este luns un servizo de asistencia a persoas en especial risco ante o Covid-19, ou en soidade ou sen medios, co obxectivo de facilitarlles a compra de alimentos, menciñas e mesmo o préstamo de libros, revistas ou dvds da Biblioteca Municipal (instalación pechada, como todas as dependencias municipais).

«Ante esta situación de alarma e emerxencia desde o goberno de Nigrán queremos transmitir á veciñanza máis vulnerable que non está soa, que estamos aquí para acompañar e axudar a levar mellor estes días de confinamento necesario, non somos alleos ás complicacións engadidas que supón este estado de alarma para moita xente», subliña o alcalde, Juan González.

Así, o Concello facilita xa a liña telefónica oficial 986383930 (operativa de 9:00 a 14:00 horas) co obxectivo de xestionar a compra e entrega a domicilio de menciñas e alimentos. Para requirir o préstamo a domicilio dalgunha publicación do catálogo da Biblioteca Municipal ou revistas, prensa… o teléfono de contacto é o da propia Biblioteca (986383979) de 10:00 a 12:00 horas (igualmente, o Concello anula ata novo aviso o prazo de devolución de préstamo de libros para aquelas persoas que actualmente teñen algún). En ambos casos (alimentos ou publicacións) o reparto a domicilio é para persoas en especial risco ante o Covid-19, ou en soidade ou sen medios.

O servizo, composto polos propios membros do goberno e algunha persoa voluntaria, irá convintemente identificado e facilitará de xeito persoal a entrega a domicilio seguindo estrictamente todos os protocolos de seguridade. «Entendemos que moitos veciños queren axudar, pero por responsabilidade ante esta situación pedimos que todo se canalice a través deste equipo oficial reducido a dez persoas e convenientemente identificado e controlado por todas as autoridades competentes, as boas intencións non son suficientes nestes casos, ten que haber un control exhaustivo da xente que presta o servizo», indica o rexedor ante a proliferación de diferentes grupos de whatsapp na comarca.

«Paciencia, cariño e calma, é o que desexamos trasmitir á poboación nestes intres», insiste. Igualmente, o goberno garante o servizo de reparto de alimentos a persoas en situación de vulnerabilidade económica así como o servizo de axuda a domicilio, tal e como se ven facendo durante todo o ano.

Paralelamente, e nesta liña de compromiso coa veciñanza, desde o goberno de Nigrán habilitouse unha partida orzamentaria de 10.000 € destinada a toda continxencia que poida xurdir relacionada coa pandemia. «En Nigrán vivimos unha situación crítica cos incendios de 2017 e queremos repetir os acertos desa xestión sendo previsores», explica.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.