Cultura Vigo al minuto

@festivaldecans recibe 251 obras chegadas de realizadores galegos de todo o mundo

O Festival de Cans celebrará este ano a súa XVII edición do 19 ao 23 de maio, ampliando a súa programación de catro a cinco días, e volveu obter unha magnífica resposta por parte das creadoras e creadores galegos. O prazo para a recepción de curtametraxes rematou con 251 obras inscritas para participar nas catro seccións oficiais do certame, unha cifra similar á da última edición, aínda que se rexistrou un incremento de pezas de ficción. Esta cifra volve situar ao festival coma un referente imprescindible para o sector audiovisual galego.

Do total de obras inscritas, 88 aspiran a entrar na selección final na categoría de ficción, 45 na sección Furacáns dirixida a traballos de non ficción, 10 curtas no apartado de animación e 85 videoclips. Presentáronse, ademais, 23 traballos no apartado de outras obras, para o que se recibiron diversos formatos como documentais, webseries, musicais e mesmo longametraxes.

As obras foron enviadas por realizadoras e realizadores galegos dende dez países diferentes. Entre as que teñen a súa orixe en Europa, hai pezas procedentes de Francia, Reino Unido, Portugal, Italia, Suíza ou Suecia, pero recibíronse tamén traballos dende o continente americano, de países como Estados Unidos, Ecuador ou Arxentina e mesmo de Asia, con curtas rodadas en Líbano ou Palestina.

Todas elas son creacións de cineastas que teñen a súa orixe en Galicia pero desenvolven o seu traballo noutros países. Son, maioritariamente, pezas de grande calidade, de entre as que sairán as obras finais que comporán as seccións a concurso e as seccións paralelas do XVII Festival de Cans.

También te puede interesar