RGPD - Cookies
Sucesos

Condenado a 17 anos de cárcere por matar ao seu pai a patadas

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 17 anos de cárcere, como autor dun delito de homicidio, o home que en marzo de 2018 matou a golpes ao seu pai, de 79 anos, no concello lucense de Monterroso.

A Audiencia, que tivo en conta a agravante de parentesco, tamén lle impuxo 5 anos de liberdade vixiada e o pagamento dunha indemnización de 2.500€  ao seu fillo, neto do falecido, polo dano moral que lle causou.

O presidente do tribunal indica na sentenza que o xurado considerou probado que o acusado lle propinou á vítima patadas e puñadas «de forma voluntaria e sendo consciente de que tales golpes lle podían causar a morte». O condenado, segundo a resolución, pegoulle ao seu pai «un número indeterminado, pero considerable, de patadas na cabeza, cando xa estaba no chan». O tribunal do xurado basea estas conclusións nas probas practicadas e, en particular, no testemuño do médico forense, quen excluíu a posibilidade de que o falecido recibise un golpe fortuíto illado, como indicou o acusado.

O xurado chegou á convicción de que o sospeitoso carecía de intención previa de acabar coa vida do seu pai, pero considerou que debía de ser consciente de que propinándolle golpes cos puños e dándolle patadas en todo o corpo e na cabeza podía matalo. Ademais, tivo en conta o testemuño da psicóloga do Imelga para considerar acreditado que o condenado, no momento dos feitos, era «consciente dos seus actos», a pesar de que inxerira alcol.

También te puede interesar