Comarcas

A oposición do Porriño esixe explicacións logo do corte de luz, por falla de pago, en dependencias municipais

O grupo municipal do Partido Popular do Porriño reclamou no último pleno explicacións sobre a “inédita e lamentable” situación que se deu o pasado 20 de febreiro no Porriño, cando a falta de pago acumulada polo Goberno Municipal provocou un corte do subministro eléctrico en boa parte das dependencias municipais.

A pesar de contar cunha partida orzamentaria destinada a gasto de enerxía eléctrica, “o bipartito (PSOE-BNG) debía ao redor dun millón de euros á compañía eléctrica e, en consecuencia, o municipio sufriu un apagón que afectou a varias dependencias municipais”.

“É a primeira vez que ocorre algo semellante no Porriño e os responsables desta situación limítanse a restarlle importancia e culpar unilateralmente á compañía eléctrica”, afirma Alejandro Lorenzo, “É intolerable que a concelleira responsable banalice o sucedido defendendo, como fixo no pleno, que `só foron unhas horas e apenas se notou´, cando supuxo un grave prexuízo nos servizos que o Concello debe prestar aos veciños. Deixou totalmente  inoperantes o Multiusos de Torneiros, campos de fútbol onde ese día debían adestrar nenos, centros culturais ou a unidade de atención de Afaga Alzhéimer”.

O Goberno Municipal alude a un presunto conflito coa empresa

“Cónstanos que a partida orzamentaria destinada a pagar estes gastos foi baleirada en gran parte antes das eleccións. Elimináronse fondos que eran para pagar o subministro eléctrico e  gastáronse noutras cousas“, explica Lorenzo, “Ademais, como sucede coas de moitos outros provedores, as facturas que a compañía eléctrica rexistraba eran rexeitadas de maneira sistemática polo goberno local.  Insisto, de maneira sistemática. Esa é a realidade”.

Lamentan tamén os populares que a rexedora pretenda cargar sobre o PP a responsabilidade de pagar unha facturación que a quen compete pagar é á Alcaldía . “Como sempre pretenden enganar á xente insinuando que o PP bloqueou o pago dunha facturación que xamais foi a pleno”, critica o edil, “Pagar facturas non é competencia do pleno, o é da Alcaldía. Proba diso é que Eva García de la Torre acaba de ordenar por decreto o pago do suministro eléctrico correspondente ao que vai de 2020. O fai agora, despois de que lle cortaran a luz”.  E é que Eva García de la Torre asinou a pasada semana un decreto levantando o reparo de intervención, por ausencia de contrato, para pagar a débeda de 2020 a Naturgy. Algo que non tivo a ben facer con toda a facturación correspondente a 2019.

Por todo isto, o grupo municipal do PP solicitou en pleno toda a documentación necesaria para que a cidadanía do Porriño saiba que foi o que sucedeu realmente. Así, reclamouse unha copia e relación de todas as facturas rexistradas por Naturgy en 2019, e o procedemento levado a cabo con cada unha delas.

Tamén unha copia de todas as transferencias de crédito ordenadas desde Alcaldía eliminando fondos da partida destinada no Orzamento Municipal para subministración eléctrica e acceso ao expediente completo sobre a facturación da empresa,  incluídas reclamacións ou avisos.

Así mesmo, acordouse a apertura de expediente e reclamacións que correspondan, determinando se o corte de subministración eléctrica foi, como defende a alcaldesa “unilateral, abusivo e ilegal”, facendo partícipes deste expediente aos portavoces de todos os grupos municipais.

También te puede interesar