RGPD - Cookies
Destacados Vigo al día

Este luns ábrese o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal da Xunta

A Xunta abre este luns, día 2 de marzo,o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) do venres.

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en escolas infantís, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, nos servizos de gardacostas ou en institutos politécnicos.

O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 32. Delas, 18 listas son para traballar como funcionario interino e outras 14 para traballar como contratado laboral.

Todas aquelas persoas interesadas en apuntarse nestas listas de emprego temporal poderán realizar a inscrición a través da web da Xunta de Galicia – www.xunta.gal-, no apartado ‘Listas de Contratación’. As persoas que xa forman parte desta bolsa non é preciso que se anoten de novo.

Entre as listas abertas están as de veterinarios, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, titulado/a superior médico/a, enfermeiro/a, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, educador/a ou xefe/a de cociña.

También te puede interesar