Comarcas

@depo_es pon en marcha as ‘Axudas de Emerxencia’ para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras das Axudas Básicas de Emerxencia-alimentación, vivenda, recibos, produtos de hixiene e medicamentos, lentes, audífonos e apoio á infancia- para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para o ano 2020, que teñen un orzamento de 465.000€, dos que 365.000€ serán para axudas ao gasto corrente e os 100.000€ restantes, para investimento.

“Esta liña de subvencións permite que os concellos poidan prestar servizos ás persoas que están en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a persoas con menores ao seu cargo”, sinala a presidenta da Deputación, quen engade que este ano “contamos cun novo tipo de axuda para atencións de carácter complementario, destinadas ao pagamento de servizos para persoas con algunha diversidade funcional ou dependencia que non poidan facerlle fronte ao gasto por si mesmas”. 

Neste eido, establécese unha contía por cada concello de entre 7.000 e 10.900€, en función da poboación e da porcentaxe de desemprego.

No ano 2018 estas axudas deron cobertura a 1.851 familias da provincia, das que 1.408 tiñan menores ao seu cargo e 1.036 tiñan a ambos proxenitores en situación de desemprego. Ademais, 336 das beneficiarias eran familias monoparentais, 388 eran usuarias do Servizo de Educación e Apoio Familiar, e 53 usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Así mesmo, 68 persoas eran vítimas de violencia de xénero, 324 tiñan diversidade funcional ou grao de dependencia recoñecido, e 272 eran persoas maiores.

También te puede interesar