RGPD - Cookies
Galicia Sucesos

#Ereguete alerta da venda de cannabis na rúa cinco veces máis potente que o de hai 10 anos

A Guardia Civil anunciou esta semana que na rúa xa se vende un cannabis cinco veces máis potente do que se consumía en 2010. Nas últimas incautacións realizadas polo organismo policial «as concentracións do psicotrópico THC
(tetrahidrocannanibol) nunha gran proporción do cannabis intervido chegaban ao 30% fronte ao 5 % que presenta a planta en estado salvaxe».

Segundo o psicólogo do programa de prevención da Asociación Érguete, Rodrigo Alonso, esta nova tipoloxía da droga “pode inducir a un consumo máis compulsivo pola súa maior concentración de THC”, ademais de que o aumento deste psicotrópico tamén «fai máis probable que as persoas que o consumen presenten crises de ansiedade ou brotes psicóticos».

Para combatir a aparición destas novas substancias “temos que incidir máis na prevención do cannabis e das súas novas formas de consumo”, explica Rodrigo Alonso, dende a súa experiencia no programa de prevención e o programa de formación e integración social (PFIS) da Asociación no que se traballa con menores con consumo activo ou con sanción administrativa por tenencia de cannabis.

”Notamos que cada vez se esquecen máis do risco destas drogas”, avisa mentres reivindica que é necesario “afrontar este problema de maneira directa, contando os riscos e avisando sobre estas novas tipoloxías de marihuana que
aparecen”.

Para Rodrigo Alonso, os expertos “temos que se capaces de falar con eles e elas sen medo. Darlles información e
explicarlle os efectos e consecuencias das drogas sen caer en prexuízos nin estigmas. Temos que crear unha conversación baseada na confianza”, explica mentres repite un mantra entre os expertos da Asociación: “Se a prevención funciona, o consumo cae”.

Un consumo temperán

Segundo a Radiografía dos consumos e adiccións na mocidade viguesa de 12 a 20 anos, elaborado polo investigador da USC Antonio Rial Boubeta e no que participou a Asociación Érguete, os menores da cidade que consumen cannabis o probaron por primeira vez con 15 anos.

“Este dato é preocupante”, advirte Alonso facendo mención a estudos como o de Asociación do consumo de cannabis na adolescencia e o risco de padecer depresión, ansiedade o tendencias suicidas na idade adulta temperá, publicado por Jama Psychiatry en febreiro de 2019.

En concreto este informe sinala, avisando que os resultados deben confirmarse en máis estudos, que os adolescentes que consumen cannabis teñen un risco maior de desenvolver depresión e suicidio. Un problema que aumenta máis se a substancia ter unha concentración de psicotrópico maior. “Este é un problema de saúde pública que debemos abordar con moita profesionalidade e coidado”, conclúe Rodrigo Alonso.

También te puede interesar