Galicia Vigo al minuto

@depo_es e Concello de Vigo empezan as obras da estrada de Porto-Beade

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo puxeron hoxe en marcha as obras de humanización da estrada provincial PO-2001, no tramo de 2,4 Km comprendido entre o regato de Quintián e a rúa Ramiro Pascual, no lugar de Porto (Beade). O acto institucional, que consistiu no soterramento dunha “urna do tempo” e que estivo presidido pola presidenta provincial e o alcalde, deu comezo a uns traballos que se prolongarán durante 18 meses e suporán un investimento total de 3.457.005 euros.
A actuación, definida por Carmela Silva como “a máis importante das que a Deputación está a realizar”, finánciase no marco dun convenio no que a entidade provincial achega o 70% (2.419.903,50 euros) mentres que ao Concello correspóndelle o 30% restante (1.037.101,50 euros).
Coa humanización en marcha, a estrada quedará convertida parcialmente nunha moderna rúa de alta calidade residencial e que será traspasada ao Concello de Vigo.
“Estamos facendo un cambio radical en tódalas infraestruturas provinciais e esta hai que poñela moi en valor”, destacou a presidenta da Deputación na súa intervención. Carmela Silva explicou que trátase dunha obra moi custosa “nun lugar que estivo abandonado durante 50 anos”. Lembrou que a veciñanza levaba décadas reclamando seguridade viaria e que houbera rúas para que os peóns puideran ocupar o espazo público. “E neste tempo”, denunciou, “só atoparon silencio” por parte da Administración titular da estrada.
“Durante 50 anos a Deputación de Pontevedra nunca tivo na súa mente facer esta obra e cando nós comezamos a gobernar foi a primeira que pediu o alcalde de Vigo, quen consideraba intolerable que esta vía provincial estivera na situación na que estaba”.
Silva tivo palabras de agradecemento para a presidenta da asociación de veciños, Fina Barreiro, e o seu vocal Gonzalo Martínez, que xogaron un papel moi activo dialogando coa veciñanza e acadando a cesión dos terreos necesarios. “Foi moi complexo e foron persoas imprescindibles para conseguir que se fixera esta obra, e así, dentro de 18 meses, non vai haber quen recoñeza este entorno”. A maiores, adiantou que a Deputación xa está a traballar nun proxecto conxunto para a totalidade do trazado da estrada e anunciou o seu desenvolvemento neste mandato.

También te puede interesar