Galicia Sucesos

Denegada a petición dunha nai que convive coa súa parella de ser considerada familia monoparental para pagar menos de gardería

A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou que unha muller que convive coa súa parella e a súa filla sexa considerada familia monoparental.

A muller alegou equivocarse ao incluír ao pai como membro da unidade familiar na matrícula da escola infantil da súa filla e esixía á Xunta que lle devolvese os cartos que considera que pagou de máis, pois as familias monoparentais teñen descontos. En concreto, pedía ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que lle ingresase 1.768€ correspondentes aos cursos escolares 2015/2016 e 2016/2017.

«Exista vínculo conxugal ou non, se os dous proxenitores conviven e contribúen economicamente ao sustento da súa filla menor, hai que computar o importe dos ingresos procedentes dun e doutro, a diferenza do que ocorre no suposto da familia monoparental, debido a que nesta última o outro proxenitor non contribúe economicamente ao sustento do fillo ou filla».

O alto tribunal salienta que, desta forma, «se acomoda mellor á realidade social do tempo presente, no que gran cantidade de proxenitores deciden non contraer matrimonio, a pesar do cal contribúen cos seus ingresos a todos os gastos que xera o mantemento do seu fillo ou filla común». Os xuíces destacan que non existe «razón lóxica ningunha para privilexiar aos proxenitores que non contraeron matrimonio fronte aos que si o fixeron».

A sala subliña que da documentación que figura no expediente se deduce que o pai convive coa nai e filla e contribúe ao sostemento das cargas da menor, «polo que carece de sentido que, a efectos do prezo a pagar pola atención educativa da nena, non se computen os ingresos do pai, senón só os da nai». Ademais, o tribunal advirte de que a finalidade da normativa é «atender á situación real da unidade familiar e axudar a quen máis o necesita».

O TSXG sostén que «coa interpretación» da recorrente «se daría pábulo a fraude de lei porque se poderían beneficiar ás unidades familiares de maiores ingresos, permitindo a ocultación dos ingresos dun dos proxenitores, a pesar de que contribúa ao sustento do fillo ou filla». O TSXG indica que a propia demandante «debeu entendelo así inicialmente, xa que incluíu ao pai como membro da unidade familiar e descartou que o seu caso fose o dunha familia monoparental».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.