Galicia Vigo al minuto

Magos, pallasos, contacontos, animadores e músicos de Galiclown acompañarán ás nenas e nenos internados no Cunqueiro

A dirección da Área Sanitaria de Vigo e a Asociación “Galiclown- Pallasos de Hospital”,veñen de asinar un acordo para dar un novo impulso ás actividades lúdicas dirixidas aos pacientes pediátricos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A Asociación, sen ánimo de lucro, ten como obxectivo dinamizar tanto as estancias  ambulatorias como os ingresos dos pacientes en idade pediátrica. O seu presidente, Juan Adolfo Maguna (Pallaso Popín), asinou o acordo co xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García  Comesaña.

Todas as persoas que forman parte da iniciativa son voluntarios que están formados na dinamización de estancias hospitalarias e na relación con enfermos ingresados, sobre todo con nenos e nenas.

Inicialmente a asociación ten rexistrados 25 voluntarios, que participarán nas distintas actividades que se recollen no acordo asinado. Pallasos, magos, músicos, animadores e contacontos repartiranse as actuacións, que teñen fixado un horario e ámbito de traballo no propio acordo.

Aínda que o acordo inicial ten por obxecto o aspecto lúdico nas zonas do hospital directamente relacionadas con pediatría, non se descarta que se poida ampliar o seu ámbito de actuación a outros espazos e áreas hospitalarias, sempre de acordo coa dirección.

Humanización
“O acordo subscrito enmárcase nas iniciativas de humanización que a Área Sanitaria de Vigo desenvolve nos distintos centros”, sinalan dende a mesma, lembrando que a Primeira Liña do Plan Estratéxico da Área Sanitaria de Vigo é acadar unha Sanidade máis humana. Trátase de humanizar o coidado ao paciente en todo o proceso. De feito, son xa moitas as iniciativas levadas a cabo na área pediátrica, que abarcan desde a dotación de espazos específicos dirixidos aos nenos e a mesma decoración da planta de hospitalización, así como a un importante número de actividades,  de distinto tipo, que se desenvolven nese espacio de maneira case que cotiá.

Asociación sen ánimo de lucro

“Galiclown” naceu o pasado mes de decembro e é unha asociación integrada por voluntarios que realizan visitas aos hospitais co fin de mellorar o estado emocional dos pacientes, especialmente nenos e nenas, e o dos seus familiares.

“A través da risa, da escoita, da maxia, das artes escénicas, da música ou do xogo, proporciónanse momentos de relaxación e desconexión na complexa situación do paciente, favorecendo o seu benestar emocional e psicolóxico, que é complementario á actividade asistencial”, explicou o seu presidente.

También te puede interesar