Comarcas Vigo al minuto

#SigueOTeuInstinto lema da @depo_es para a feira FITUR deste 2020

Carmela Silva adiantou que a natureza será a protagonista da campaña da Deputación de Pontevedra

“O esplendor da natureza” da provincia de Pontevedra será neste 2020 protagonista de “Sigue o teu instinto”, a campaña de promoción turística das Rías Baixas que se presentará o xoves 23 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid nun acto no que, segundo Carmela Silva “non imos deixar a ninguén indiferente”.

A presidenta da Deputación anunciou que a coñecida actriz viguesa  @CeliaFreijeiro será a condutora do evento, amais de ser a protagonista dun audiovisual “espectacular, que apela directamente ás emocións, que suporá un antes e un despois na presentación da paisaxe e da natureza de todas as comarcas da provincia”. Amais de Freijeiro, a “delegación” turística da Deputación contará con “embaixadoras e embaixadores potentísimos”, e con “incribles materiais de promoción con moita capacidade para emocionar, que falan da provincia dun xeito que ninguén antes fixo”.

#DetenteEMira

Xunto a “Sigue o teu instinto”, este ano a Deputación tamén se vai empregar o hashtag “Detente e mira”, para facer fincapé na necesidade de “escoitar o que nos pide o corpo, deternos, e deixarnos levar para conectar co noso lado máis humano, co natural, coas raíces”. O vídeo “de carácter intimista e moi de pel” estará baseado nas emocións, contando historiais en escenarios de todas as comarcas da provincia de Pontevedra e representando os 365 días do ano, “porque cremos na desestacionalización”. Tamén explicou que no vídeo se verán cuestións relacionadas co turismo de benestar, o respecto aos animais e á fauna, a acción ecolóxica cidadá e institucional e o turismo activo e de aventura con deportes relacionadas coa natureza. Neste último caso, haberá unha peza audiovisual na que deportistas de elite da provincia como Desiré Vilas, Pablo Dapena, Rodrigo Conde, Susana Alonso e Roi, Uxía e Iria Huertas, “farán a súa propia reflexión sobre a natureza desde paisaxes espectaculares”.

Sustentabilidade

A selección da natureza, a sustentabilidade e medio ambiente, responde a un dobre motivo  tal e como explicou Silva. “Seguimos a pechar o círculo que iniciamos en Fitur promovendo produtos ao abeiro das directrices do Plan Estratéxico. Deste xeito comezamos coa cultura, con “Somos historias”, continuamos coa gastronomía, con “Fame de experiencias” e, neste 2020, escollemos natureza e “Sigue o teu instinto”. Ademais, con este eixo temático “estamos a amosar o compromiso da Deputación coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, subliñou Carmela Silva.

“Temos unha natureza e paisaxes espectaculares, onde non soamente se pode desfrutar de xeito pasivo senón tamén de forma activa, realizando actividades relacionadas co turismo activo e rural, co turismo de aventura, cos deportes e tamén co turismo de benestar e termalismo”, asegurou a presidenta.

 

También te puede interesar