RGPD - Cookies
Cultura Destacados

@QueremosGalego xunta a miles de persoas en toda Galicia en defensa da lingua

Miles de persoas participaron nas concentracións organizadas nas sete cidades galegas pola plataforma cidadá Queremos Galego, para esixir «que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa» e actúe perante a  situación «de emerxencia lingüística» que amosan datos como os recentemente publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

«Este é o terceiro informe negativo do Consello de Europa», lembraron os representantes de Queremos Galego nas súas intervencións nas distintas cidades, «mais é a primeira vez que o Comité de Ministros menciona claramente Galicia e insta á «eliminar todos os obstáculos para o ensino en galego en Galiza», o que implica a derrogación «inmediata» do decreto de plurlingüísmo».

A Carta europea das linguas é un tratado internacional e «Feijóó e o goberno español deben cumprir estas reclamacións e rectificar, xa que non facelo é situarse cos gobernos de extrema dereita en Europa como Polonia e Hungría», salientaron simultaneamente Marcos Maceira en Compostela, Celia Armas na Coruña, Manuel Rei en Ferrol, Luís Neto en Lugo, Xosé Manuel Alonso Noceda en Ourense, Sabela Bará en Pontevedra e Marta Dacosta en Vigo.

Este pronunciamento do Comité de Ministros do Consello de Europa, como organismo que garante a democracia e os dereitos humanos en Europa (e , dentro deles, os lingüísticos) é «froito de 10 anos de mobilización social, da documentación de casos de discriminación lingüística e da acción internacional das entidades de defensa da lingua», aseguraron os representantes de Queremos Galego, ao tempo que advertían que «a acción de denuncia internacional continuará ao longo dos próximos meses, con visitas previstas a Estrasburgo, Bruxelas e Xenebra». Finalmente, a plataforma cidadá anunciou que solicitará entrevistas con altos responsábeis do Estado, «para fixar prazos de execución das recomendacións do Consello de Europa». «Queremos que o BOE deixe de atacar o dereito a vivirmos en galego», concluíron.

Os encargados de ler o manifesto, titulado Emerxencia lingüística. Precisamos do galego -que podes ler premendo aquí), aseguraron que «a emerxencia lingüística en Galiza ten solución», que «precisamos do galego para activar todas as nosas capacidades como pobo», mais tamén «o compromiso real e efectivo dos governos, a comezar por quen está obrigado legal e moralmente, o noso: o da Xunta». Queremos Galego fai súas as recomendacións para acción inmediata sinaladas polo Comité de expertos da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas e do Comité de ministros do Consello de Europa:
a. Eliminar as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación axeitados.
b. Modificar a Lei orgánica do poder xudicial para garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais por petición dunha das partes.
c. Usar o galego na administración do Estado en Galiza.
E recorda que son recomendacións «de cumprimento obrigado» que se produciron «pola mobilización social en Galiza». «Esta loita é longa máis temos que continuala», asegura o manifesto. «O galego seguirá vivo mentres fagamos que exista! Queremos Galiza, Queremos galego!» remata.

También te puede interesar