Destacados Vigo al minuto

A Asociación Veciñal de Teis presenta alegacións por 2,2 millóns ao orzamento municipal

Pide a creación de catro novas partidas e o aumento doutra por un total de 2.219.000€

A Asociación Veciñal de Teis, presentou esta semana no rexistro do Concello cinco reclamacións ao orzamento municipal para o ano 2020, que se atopaba en período de exposición pública ate o pasado martes, día 10.

Nestas alegacións a Asociación Veciñal de Teis, reivindica a creación de catro novas partidas e o aumento dunha, por un importe total 2.219.000€.

Un maior investimento é para a biblioteca, ludoteca e local xuvenil prevista no antigo centro de saúde cun aumento da partida  de 964.000€, novas beirarrúas, 450.000€, a construción dun novo parque infantil, 400.000€, a mellora do campo de fútbol da Guía por un importe de 225.000€, e un plan de asfaltado de rúas de Teis por un importe de 180.000€.

Biblioteca, ludoteca e local xuvenil.

No caso da biblioteca “puidemos comprobar que só recolle unha partida de 50.000 euros, aínda que se fala da cofinanciamento da Deputación pero descoñecemos cal será a achega desta institución”, sinalan dende a asociación veciñal.

Tendo en conta que o edificio do antigo centro de saúde, na rúa Enrique Lorenzo,  que acollerá a biblioteca e que foi cedido hai un ano pola seguranza social, necesita unha remodelación total para adaptalo aos novos usos,  pois atopase  abandonado desde o ano 2000.  

Nos orzamentos de 2019, xa figuraba unha partida de 115.000 euros, a piques de rematar este ano aínda non se gastou un só euro “e non coñecemos cal será o proxecto para este edificio, nin os prazos de execución”.

Beirarrúas

No barrio de Teis hai rúas que carecen dunha simple beirarrúa nalgunha das marxes. “Esta situación provoca perigo para a veciñanza, pois son rúas moi transitadas e hai risco de atropelo”.

Esta asociación xa ten solicitado a este goberno municipal, a necesidade de construír beirarrúas nestas rúas, pero até o de agora non foi unha prioridade. Aquelas rúas nas que sería máis urxente actuar son a 1º Travesía da Oliveira, rúa Gerardo Campos Ramos, camiño de Foxos e a rúa Roris.

Novo parque infantil

“Desde fai anos vimos denunciando que os parques infantís existentes son insuficientes para atender as necesidades das familias do barrio. Polo tanto non se trata só de mellorar os existentes parques infantís que tamén, si non de crean máis”.

Esta asociación incluso ten sinalado terreos municipais abandonados que poderían destinarse como parque infantil, en concreto hai terreos municipais abandonados a altura do auditorio de Teis ou dos grandes parques como a Riouxa e A Guía.  

Campo de fútbol da Guía

O campo de fútbol da Guía de herba sintética, esta moi deteriorado. Este é o campo que utilizan os equipos de fútbol de Teis, para adestrar e xogar os partidos oficiais nas diferentes categorías. Desde hai anos que este campo necesita unha nova superficie de herba sintética.

Plan de asfaltados rúas

“Desde fai anos vimos denunciando o mal estado do firme de moitas rúas de Teis, que non se soluciona con tapar unhas fochancas”, por iso sería moi urxente actuar en rúa Gerardo Campos Ramos, camiño do Laranxo, rúa Julian Estevez, 1º travesía de Foxos incluíndo o estacionamento, Doutor Corbal tramo final.

También te puede interesar