Galicia Sucesos

O 81,3 % dos lanzamentos practicados en Galicia foi por non pagar o alugueiro

Os xulgados galegos practicaron no terceiro trimestre do ano 445 lanzamentos, dos que 362, o 81,3 %, foron pola falta de pagamentos de alugueiro.

Outros 75 corresponderon a execucións hipotecarias; e os 8 restantes derivaron doutras causas. En comparación co mesmo período do ano pasado, o número de lanzamentos en Galicia aumentou un 7,2 %, ao pasar de 415 a 445. No conxunto do Estado, os lanzamentos descenderon un 11,9 %, segundo se desprende do informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

 Menos execucións hipotecarias

O número de execucións hipotecarias iniciadas en Galicia no terceiro trimestre do ano descendeu un 54,2 % con respecto a 2018. Entre xullo e setembro de 2019 presentáronse 138 procedementos que lle permiten esixir o pago das débedas garantidas por peza ou hipoteca ao acredor, fronte ás 301 do ano anterior. No conxunto do Estado presentáronse 3.470, o que supón un descenso interanual do 45,1 %.

O estudo tamén reflicte que entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano os xulgados galegos ingresaron 34 demandas, das que resolveron 25, por ocupación ilegal de vivendas en casos en que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social.

Aumentan os concursos…

O informe presentado hoxe tamén inclúe datos dos concursos presentados nos xulgados do mercantil, que ascenden. Dos 53 rexistrados no terceiro trimestre de 2018, pasouse a 70 este ano, o que supón unha subida do 32,1 %. Con respecto aos concursos das persoas naturais non empresarias, que desde a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015 corresponden aos xulgados de primeira instancia e instrución, presentáronse en Galicia, entre xullo e setembro, 50 casos, fronte aos 39 do mesmo período do ano pasado (un 28,2 % máis).

…os EREs…

En canto aos expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (EREs), na comunidade galega contabilizáronse no terceiro trimestre do ano nove, un 28,6 % máis que en 2018, cando se rexistraron sete.

….e as demandas de despedimento

Nos xulgados do social, segundo o informe da Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, interpuxéronse 1.448 demandas por despedimento, o que supón un aumento interanual do 17,7 %, pois o ano pasado rexistráronse 1.230.

O estudo, ademais, reflicte un incremento dos procedementos  monitorios-para reclamar débedas monetarias– presentados no terceiro trimestre do ano nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia interpuxéronse 7.596, fronte aos 6.666 do ano pasado, o que supón unha subida interanual do 14 %.

También te puede interesar