Galicia Vigo al minuto

@AnaMirandaMEP, voz galega no Exame Periódico Universal de Dereitos Humanos da ONU

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, estará este martes na sede da Organización de Nacións Unidas (ONU) de Xenebra en representación do Bloque e da ‘Fundación Galiza Sempre’, para participar na presesión do Exame Periódico Universal (EPU) de Dereitos Humanos, que se celebrará precisamente no Día Internacional dos Dereitos Humanos e que o Estado español terá que pasar en xaneiro de 2020.

Esa presesión ten como obxectivo ofrecer unha plataforma internacional na que as organizacións civís poidan, antes das sesións oficiais do EPU, propor directamente aos Estados aqueles temas nos que fai falla focalizar a atención sobre o cumprimento dos Dereitos Humanos.

Documentos da ditadura franquista

Miranda participará, xunto unha ampla delegación de representantes da sociedade civil do Estado, na denuncia conxunta sobre temas como a Lei Mordaza, os ataques á liberdade de expresión, aos dereitos lingüísticos e o veto ao
acceso aos documentos relacionados coa ditadura.

“Hai que rematar coa herdanza da ditadura franquista e denunciala en todas as institucións internacionais, tanto na Eurocámara como na ONU”, salienta a portavoz do Bloque en Europa. Lembra que o pasado mes de agosto, o BNG e a ‘Fundación Galiza Sempre, representados pola propia Miranda e o investigador Carlos Babío, -coautor do Libro “Meirás, un pazo, caudillo, un espolio”-, presentaron unha denuncia que tiña por obxecto investigar ao Estado español por vetar o acceso a documentación pública e privada sobre a ditadura franquista e pola existencia de fundacións ligadas ao franquismo que son “un anacronismo en Europa”.

Esclarecemento da verdade

Ana Miranda sinala que hai catro anos o Informe de Nacións Unidas de Pablo de Greiff sobre o franquismo, fixo unha serie de recomendacións, entre as que figuraba o acceso á verdade na ditadura franquista. En concreto sinalaba que “se deben facilitar mecanismos institucionais para o esclarecemento da verdade da ditadura”, polo que o BNG denuncia
que este esclarecemento da verdade “non se puido facer” e mesmo “atopamos moitas limitacións para acceder a documentos públicos e privados en relación co franquismo”, tal e como lle ten acontecido ao historiador Carlos Babío nos seus traballos de investigación.

8 fundacións fascistas en  España

Ana Miranda criticou que no Estado español conviven oito fundacións franquistas, como son a Fundación Nacional Francisco Franco, Fundación José Antonio Primo de Rivera, Fundación Pro Infancia Queipo de Llano, Fundación Blas Piñar, Fundación Hijas de Millán Astray, Fundación Ramiro Ledesma Ramos, Fundación Serrano Suñer e Fundación Capitán Cortés.

“O feito de que existan oito fundacións franquistas sostidas con fondos públicos e privados sobre as vítimas da ditadura, é anacrónico e excepcional en Europa e por iso debe ser denunciado en todas as instancias internacionais, pola imposibilidade de acceder a documentos que estabelece a Lei de Memoria Histórica”, considera.

A nacionalista lembra que, hai un ano, o Parlamento Europeo aprobou a Resolución contra o avance do neofascismo en Europa, da que é coautora, que insta a prohibir as fundacións e asociacións que fan apoloxía do fascismo e nazismo “porque son antidemocráticas e atentan contra a memoria das vítimas”.

También te puede interesar