Destacados Vigo al minuto

A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade da un paso máis

A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu hoxe un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia.

Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou esta mañá na sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.

Tras recibir o visto bo do Comité, a Xunta está xa en disposición de presentar o documento técnico que avala a candidatura ante a Secretaría do Comité español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, que será a encargada de continuar coa súa tramitación.

Deste xeito, cómprese co calendario previsto xa que o pasado 24 de setembro, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, trasladoulle aos membros do Comité español do Programa MAB, órgano de carácter consultivo, que antes de que rematara o ano se presentaría oficialmente a candidatura da Ribeira Sacra.

Se a candidatura da Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel prospera e supera todos os requisitos e condicionantes establecidos polos responsables da Unesco para a súa declaración, este territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte do organismo internacional.

Así, cómpre lembrar que o pasado abril as Montañas do Courel obtiveron a declaración de Xeoparque, converténdose así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia; e ademais, a Consellería de Cultura traballa xa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial por parte da Unesco.

También te puede interesar