Galicia

Outubro foi un mes máis húmido e máis caluroso en Galicia que en anos anteriores

O outono arrancou en Galicia marcado polas chuvias e por unhas temperaturas lixeiramente por riba do agardado nesta época do ano.

Segundo se recolle no resumo climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, outubro foi un mes húmido en xeral no conxunto da comunidade, unha situación que contrasta co sucedido nos cinco anos anteriores, e lixeiramente máis cálido con respecto ao período histórico que se utiliza como referencia, que vai do ano 1981 a 2010.

Desde o punto de vista meteorolóxico o mes contou con tres tramos moi diferenciados. Os primeiros 11 días caracterizáronse polo predominio das altas presións, o que deixou un ambiente marcado pola estabilidade e temperaturas por riba das normais nesta época do ano.

A continuación a comunidade viviu un período de borrascas que trouxeron chuvia e frío, e na última semana do mes volveu producirse un novo cambio na situación, cunha recuperación lixeira dos termómetros.

No seu conxunto, outubro rematou cunhas temperaturas medias 0,28 graos por riba dos valores do período de referencia, o que permitiu caracterizar o mes como lixeiramente cálido no seu conxunto aínda que lonxe, por exemplo, dos datos de 2017, cando a anomalía foi de 2,4 graos por riba do esperado. A esta situación contribuíron especialmente as temperaturas mínimas, xa que no conxunto de Galicia foron 0,76 graos superiores á media histórica.

Polo que respecta ás precipitacións, o mes pode considerarse no seu conxunto húmido aínda que ao facer a comparación cos rexistros pluviométricos do período 1981-2010 conclúese que só choveu un 18% máis do previsto nesta época do ano.

También te puede interesar