Destacados Sucesos

@odscoia convoca unha concentración para evitar o desafiuzamento dunha parella con dúas fillas

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia) convoca o venres 8 de novembro a partires das 11:00h. unha concentración diante do Concello de Vigo baixo o lema: “Ningún despexo sen realoxamento. Vivenda para Abel e Carmela”.

Dende  ODS-Coia informan de que, dende hai meses, esta parella, con dúas fillas pequenas, que cobra unha RISGA,”vive co medo de ficar na rúa”. Nos vindeiros días van ser desafiuzados da casa na que levan durante os últimos anos.

As respostas das administracións “están moi lonxe de garantir o dereito a unha vivenda digna”. Segundo ODS-Coia, “Xunta de Galicia e Concello de Vigo ofrecen ‘esmolas sociais’ condicionadas a que sexa a familia a que atope vivenda no mercado. Seica descoñecen os elevados prezos dos alugueiros, as elevadas esixencias para as inquilinas en forma de avais, depósitos e seguros imposibles de conseguir para quen malvive con faragullas ou ten un emprego precario”.

O “labirinto burocrático” polo que está a pasar esta familia co fin de non rematar na rúa finaliza con estas respostas dos servizos sociais: Xunta de Galicia: concesión do Bono de Alugueiro Social. Cando atopen vivenda, sempre que esta non supere os 450 €/mes, terán durante tres anos unha subvención de 225€/mes para o pagamento do alugueiro.

Concello de Vigo: ofrecemento de axuda durante 2/3 meses para pagamento do alugueiro a través do “Programa Contra Desafiuzamentos e de Emerxencia Social”.

ODS-Coia denuncia que “a situación desta familia é un exemplo máis do grave problema de acceso a vivenda que temos unha maioría. As nosas compañeiras son valentes, deron un paso adiante compartindo esta situación. Amósannos que os problemas estruturais cómpre afrontalos en colectivo e non individualmente como queren desde o poder”.

Nesta ocasión optaron por agochar a súa identidade, Abel e Carmela non son os seus nomes. Optaron por empregar pseudónimos. “Ocultándose queren amosar que estamos ante un problema sistémico, con responsables que se benefician e cunha maioría que padece as consecuencias da cobiza duns poucos”.

También te puede interesar