Cultura Vigo al minuto

@carmelasilva reivindica o papel líder das mulleres durante a presentación en Vigo de ‘Referentes Galegas’

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á presidenta de “Executivas de Galicia”, Carla Reyes, participou este mércores en Vigo no acto de presentación do proxecto “Referentes Galegas”, iniciativa que se ten convertido en pioneira en Galicia.

“Penso que este proxecto é fundamental xa que permite rachar cos estereotipos, visibilizar a pegada da muller en diferentes eidos da sociedade e construír modelos a seguir para as nenas e mulleres galegas”, asegurou Carmela Silva no transcurso da presentación, que foi conducida por Diana Nogueira e que contou coa música en directo a cargo de Carmen Penín.

Silva lembrou que “acábanse de entregar os premios extraordinarios Fin de Carreira a 69 persoas das cales 49 foron mulleres e 20 homes, representamos o 71% do talento pero non ocupamos esa porcentaxe en postos de dirección, de liderado, de responsabilidade. Estamos lamentablemente moi lonxe dese número”.

Por iso, engadiu a presidenta da Deputación, “este proxecto é moi necesario, xa que hai centenares de mulleres que están a brillar con luz propia, que están a liderar iniciativas que nos sitúan á vangarda da ciencia, da tecnoloxía, da medicina, das matemáticas, da empresa, do dereito ou do ensino, e precisamos sacar á luz todo este talento”.

“Referentes Galegas” conta actualmente con máis de 200 mulleres, entre as que tamén se atopa a presidenta da Deputación Carmela Silva. O proxecto naceu para dar visibilidade a mulleres profesionais galegas con liderado nos seus respectivos sectores profesionais.

Deste xeito, 24 mulleres do proxecto desenvolven a súa actividade na provincia de Pontevedra e ocupan postos relacionados coa ciencia, xerencia, dirección de empresas e departamentos, xefaturas, dirección técnica, vicerreitorías, outras son catedráticas de universidade, profesoras, maxistradas, notarias ou médicas que desenvolven postos de responsabilidade no eido da saúde.

También te puede interesar