Galicia Vigo al minuto

@CIGVigo lanza un SOS ante o perigo no que están o naval, a automoción e a sanidade na cidade

CIG vén de poner en marcha unha campaña de “información e mobilización”, baixo o lema ‘SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos,’ co obxectivo de reclamar solucións á grave crise industrial que atravesa a bisbarra e facer públicas as alternativas que propón a central.

O epicentro da campaña será a manifestación que terá lugar na cidade o vindeiro mércores 30-cunha manifestación ás 8 da tarde dende Vía Norte, aínda que tamén se levarán a cabo asembleas nos centros de traballo, actos de axitación na rúa e xestións institucionais.

Perda de 6.800 empregos e caída do PIB

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, alertou sobre a destrución de tecido produtivo e emprego que pon en risco a continuidade de actividades estratéxicas para a bisbarra e para o conxunto do país, como a construción naval.

Segundo datos da última EPA (2º trimestre do ano), só na cidade hai 6.800 postos de traballo menos no sector industrial e na construción dos que había hai unha década.

“A nosa comarca retrocedeu significativamente como motor produtivo e económico de Galicia”. En termos de PIB, descendeu un 1,57% entre 2010 e 2106, mentres que a bisbarra da Coruña aumentou un 21,54% no mesmo período. En consecuencia, o PIB coruñés é un 31% maior ao da comarca viguesa, cando en 2010 era só un 5,54% superior.

Esta caída supón que a área de Vigo deixase de ser o principal polo económico do país, algo que se constata especialmente no caso da industria. As cifras de Valor Engadido Bruto (VEB) amosan como entre 2010 e 2016 as ramas industriais retrocederon por volta dun 6,59%, mentres que na Coruña incrementábanse un 9,28%.

7.000 empregos indefinidos menos

Proba da mala calidade do emprego é que só na cidade de Vigo, no primeiro trimestre deste ano, contabilizáronse 7.000 empregos indefinidos menos que en 2009, pero 2.300 máis eventuais que 10 anos antes, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA).

Naval e automoción

O máximo responsábel da CIG-Vigo fixo especial fincapé na situación que atravesan dous sectores fundamentais para a comarca, como son o naval e a automoción. Do primeiro, inmerso no peche de Vulcano e na grave crise de Barreras, dixo que se enfronta a unhas difíciles perspectivas de futuro “se non hai un xiro radical nas políticas industriais da Xunta”.

No caso da automoción, incidiu en que vén de padecer unha importante vaga de ERE e perda paulatina de cadro de persoal, así como a precarización absoluta das condicións de traballo e o aumento da explotación laboral. A todo isto hai que sumar a constante ameaza da deslocalización.

A esta crise industrial hai que sumar o “efecto letal” que están a ter as políticas de recorte e privatización dos servizos públicos, de maneira especial no ámbito da sanidade. “Ao hospital Álvaro Cunqueiro, recortado e privatizado, engadiuse o desmantelamento de boa parte do Meixoeiro e agora tamén a venda de Povisa a un fondo voitre estadounidense, poñendo en risco a atención sanitaria de case 140.000 persoas e arredor de 1.500 empregos”.

También te puede interesar