Galicia Vigo al minuto

@Xunta licita a explotación e mantemento da presa de Eiras en 500.000€

A vaga de calor deixa os encoros galegos nun 55% da súa capacidade

A Consellería de Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, vén de publicar a licitación do servizo de explotación e mantemento da presa de Eiras, por un importe de case 500.000€.

As empresas interesadas en acometer este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de novembro. A duración dos traballos é de 24 meses.

Este contrato ten como obxectivos explotar, conservar e manter a presa de Eiras e os seus equipos e instalacións, asegurando o óptimo funcionamento do sistema de xestión do encoro que proporciona auga a Vigo e ao conxunto de concellos dependente do seu sistema de abastecemento.

Para isto é necesario realizar a explotación, conservación e mantemento de tódolos dispositivos de control, órganos de desaugue, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicacións.

No contrato se inclúe a dirección de explotación do encoro de Eiras e operación dos seus equipos e instalacións segundo o establecido nas normas de xestión da mesma, así como a dirección do plan de emerxencia da presa para a súa xestión e control.

De acordo coas condicións da licitación, o contrato inclúe o mantemento e conservación dos órganos de desaugadoiro, toma de abastecemento e equipos oleohidráulicos ou similares para o seu accionamento.

A empresa adxudicataria tamén se ocupará do mantemento e conservación das instalacións de control da presa, tanto dos edificios de control da explotación e accesos, como dos equipos auxiliares, así como do mantemento da instalación eléctrica incluíndo centro de transformación, grupo electróxeno e iluminación exterior e interior.

Os servizos de mantemento e conservación abarcan así mesmo os dispositivos de control da presa e, en particular, dos diferentes sistemas de comunicacións, sensores e equipos de automatización instalados.  No contrato se engade a rehabilitación da rede de drenaxe, mediante limpeza de drenos con auga a presión.

“Con este contrato, a Xunta continúa a asumir a xestión de Eiras para garantir a seguridade e o correcto funcionamento do encoro á espera de que o Concello de Vigo se pronuncie sobre a proposta de convenio polo que asumiría a súa xestión”.

También te puede interesar