Ciencia y Tecnología Galicia

Setembro foi un mes cálido en Galicia e con algo menos de precipitacións das agardadas

O tramo final do verán en Galicia estivo marcado pola calor e un réxime de precipitacións normal para esta época do ano. Despois dun xullo e dun agosto nos que a tónica xeral foi a variabilidade no tempo, setembro caracterizouse por ser un mes cálido, aínda que con dúas metades moi diferenciadas, segundo se recolle no resumo climatolóxico elaborado por MeteoGalicia.

Calor e tormentas

Durante a primeira quincena, a influencia das altas presións permitiu que entraran na comunidade masas de aire cálido procedentes do sur da península e do norte de África, que contribuíron a que os termómetros acadaran rexistros anormalmente altos. Esta situación viuse en parte compensada durante a segunda metade do mes, moito máis variable e marcada incluso polas tormentas de verán e a chegada de borrascas atlánticas que matizaron as anomalías que se rexistraran durante os primeiros días do mes.

0,74 graos por riba das temperaturas históricas

Así, setembro rematou cunhas temperaturas medias 0,74 graos por riba dos valores do período de referencia 1981-2010, o que permitiu caracterizar o mes como cálido no seu conxunto aínda que lonxe do seu precedente máis inmediato. De feito, setembro de 2018 foi o mes máis cálido de toda serie histórica, cunha anomalía de +2,66 graos sobre o agardado.

As temperaturas estiveron por riba do agardado en toda Galicia cunha única excepción: a Mariña lucense e a comarca coruñesa de Bergantiños, nas que se detectaron valores lixeiramente por debaixo do que era de esperar para esta época do ano

Un 29% menos de choiva

Polo que respecta ás precipitacións, o mes mantívose dentro da normalidade aínda que choveu un 29% menos do agardado en comparación cos rexistros pluviométricos do período 1981-2010.

Neste sentido, o informe de MeteoGalicia tamén chama a atención na distribución desigual das chuvias, que se concentraron na segunda metade do mes e particularmente, na terceira semana, provocando un claro contraste entre este mes de setembro e os dous anteriores, que foran moi secos.

También te puede interesar