Galicia Vigo al minuto

@bngvigo insta á concelleira Espinosa a que convoque xa aos bombeiros en folga e abra con eles unha negociación

O concelleiro do BNG asegurou este luns, logo de manter unha xuntanza con representantes dos Bombeiros de Vigo-que están en folga indefinida dende o 14 de agosto- que a sentencia que anula o decreto do Goberno local sobre horas extras sinala de xeito “contundente” que houbo un “claro abuso e a conculcación de dereitos fundamentais dos propios bombeiros”,

Xabier P. Igrexas subliñou o feito de que o xulgado dera a razón aos bombeiros na práctica totalidade das súas pretensións, “botando abaixo un decreto que vulneraba o dereito ao descanso, a negociación colectiva, a conciliación familiar e a prevención de riscos”.

O concelleiro do Bloque pediu ao Goberno municipal a que non recorra a sentenza, para “non alargar a agonía dilatando un conflito que se ten que resolver xa” e reclamou á concelleira de Seguridade, Elena Espinosa que “convoque hoxe mesmo ao Comité de Folga para iniciar de inmediato unha negociación que permita buscar unha fórmula acordada cos traballadores para garantir os mínimos operativos”.

A este respeito, Igrexas considera “gravemente irresponsábel” que o Goberno municipal non se teña comunicado inda a día de hoxe cos representantes sindicais, tal e como lle confirmou o Comité de Folga.

“Falamos dun servizo esencial, un servizo de garantía diante de situacións de emerxencia, que nestas condicións non pode garantir a seguridade nin da cidadanía nin dos propios bombeiros. Non se pode esperar nin un minuto máis para tomar as decisións que sexan necesarias para resolver esta problemática”, reclamou.

Responsabilidades de Font

En relación ás responsabilidades que puideran afectar ao concelleiro Carlos López Font, por ser quen asinou o decreto anulado, Igrexas expresou que “é unha esixencia democrática que calquera responsábel público despois dunha sentenza tan rotunda cando menos dea explicacións e pida desculpas”.

O concelleiro do BNG ironizou con que xa non cabe depurar responsabilidades políticas afirmando que “iso xa o fixo o alcalde ao inicio deste mandato deixando sen competencias a Font”.

También te puede interesar