Comarcas

@depo_es pon en marcha ‘Labora 2020’ que beneficiará a 855 persoas sen emprego

A Deputación vén de poñer en marcha a primeira fase do Proxecto “Labora 2020”, unha iniciativa que financian a institución provincial e o Fondo Social Europeo e cuxo obxectivo é mellorar a formación e a empregabilidade na provincia entre as persoas inscritas nos servizos públicos de emprego que pertencen a colectivos especialmente vulnerables.

En concreto, “Labora 2020” está dirixido a persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos, persoas maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas e comunidades marxinadas, outros colectivos desfavorecidos (nos que se inclúen, entre outras, vítimas de violencia de xénero ou de discriminación por orixe racial, orientación sexual e identidade de xénero, persoas con problemas de adicción, persoas sen fogar, solicitantes de asilo) e persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos Servizos Sociais.

Bases

Trala publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases que rexerán a selección das persoas participantes, as e os interesados xa poden preinscribirse a través do formulario que atoparán na web da Deputación, na páxina dedicada a este plan (https://www.depo.gal/labora-2020). O prazo para facelo estará aberto ata o inicio das primeiras accións formativas, que está previsto que comecen en novembro. Nesta primeira fase, o proxecto beneficiará a un total de 420 persoas de doce concellos da provincia: Barro, Lalín, Cambados, O Porriño, O Grove, Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Tomiño, Soutomaior, Cangas e Vilagarcía.

28 accións formativas

No que atinxe a esta primeira fase do proxecto, desenvolveranse sete dos once itinerarios previstos, cun total de 28 accións formativas, centradas en actividades auxiliares de almacén, limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil, socorrismo en instalacións acuáticas, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, operacións básicas de restaurante bar e competencias clave para a obtención do nivel 2 (lingua galega, lingua castelá e matemáticas).

855 persoas

En total, está previsto que ata o finais do ano 2020, en que se desenvolverán estas accións formativas, se beneficien desta iniciativa ata 855 persoas, das cales o 53,33% serán mulleres (456) e o 46,67% homes (399), pertencentes a 16 concellos da provincia: Lalín, A Guarda, Cangas, Vilagarcía de Arousa,  Barro, Cambados, O Porriño, Mos, Moraña, Valga, Ponteareas, O Grove, Tomiño, Soutomaior, Pontevedra e Vigo.

También te puede interesar