A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de abrir, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas de cooperación para as entidades sen ánimo de lucro, ao que se destinan 8,5 millóns de euros.
Con esta iniciativa “prevese apoiar a contratación de máis de 500 persoas en preto de 170 entidades sen ánimo de lucro”, que poderán solicitar a súa participación ata o vindeiro 28 de outubro.
Práctica profesional durante 9 meses
O obxectivo do programa é a mellora da empregabilidade e o fomento do emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais.
A actuación ofrece ás persoas que contan con máis dificultades para atopar un traballo unha experiencia e práctica profesional durante 9 meses a tempo completo para facilitar a súa posterior inserción no mercado laboral. Estímase unha axuda media por entidade de preto de 51.000€.
Como xa sucedera na anterior convocatoria, nesta edición destínanse 3 millóns de euros do orzamento global da orde de axudas para as entidades que desenvolven proxectos singulares, é dicir, as que prestan servizos a outras entidades, contan con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou teñen máis de 100 profesionais no seu cadro de persoal.