'Qué te cuentas?' Comarcas

@depo_es abre o prazo de inscrición para a xornada da Escola de Igualdade María Vinyals

A presidenta da Deputación de Pontevedra e a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, anunciaron a apertura do prazo de inscrición para participar na xornada da Escola de Igualdade María Vinyals, que versará sobre a “Mercantilización do corpo das mulleres” e desenvolverase o 9 de outubro no Castelo de Soutomaior.

“Se sempre é fundamental apostar pola educación e as políticas de igualdade entre mulleres e homes, neste momento onde estamos a sufrir tantos ataques pola aparición de partidos políticos e os seus cómplices que queren negar a necesidade urxente de tomar medidas políticas a prol da igualdade, estas xornadas son máis importantes que nunca”, asegurou Carmela Silva.

Silva lembrou que o pasado luns foi o Día Internacional en Contra da Explotación Sexual e a Trata e sinalou que “a Deputación ten totalmente clara a súa posición en contra desta lacra social que sofren as mulleres”.

Pontevedra a provincia galega con máis prostitución

Neste eido, explicou que “a provincia de Pontevedra se constitúe como a que maior prostitución concentra dentro da comunidade galega” e, en canto aos datos de España, diversos estudios sinalan que hai entre 35.000 e 55.000 mulleres que están a ser prostituídas, mentres que de maneira non oficial “estamos falando de ao redor de 100.000”. Amais, segundo as Nacións Unidas, España é o país europeo no que máis prostitución se consume e o terceiro a nivel mundial. De feito, o 15% dos homes españois manteñen sexo de pago.

Rosa Cobo, Ángeles Álvarez, Silvia Pérez e “Towanda Rebels”

A xornada da Escola de Igualdade María Vinyals terá lugar durante todo o día, comezando co relatorio “A pornografía e prostitución como violencia contra as mulleres” a cargo de Rosa Cobo, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía, profesora de Socioloxía de Xénero, directora de Atlánticas e directora académica do Máster Online sobre Igualdade e Equidade no desenvolvemento organizado por Cooperació  e a Universidade de Vic.

A partir das 12:30 h, a activista feminista Ángeles Álvarez, experta en violencia de xénero e portavoz da Red Estatal Contra el Alquiler de Vientres, centrarase na “Mercantilización reprodutiva do corpo das mulleres”, facendo un percorrido polo significado que a maternidade ten nas sociedades androcéntricas.

Unha hora despois, a doutora en socioloxía e investigadora social especializada en Violencia de Xénero Silvia Pérez vai impartir a conferencia “Desvelando a realidade da acción contra a trata”, na que analizará a trata sexual que se está a configurar como chivo expiatorio da nosa sociedade para seguir sen afrontar a prostitución.

Xa pola tarde, ás 16 horas, “Towanda Rebels”, unha plataforma de comunicación e expresión feminista en loita contra o patriarcado composta por Teresa Lozano e Zúa Mendez, tratarán “O porno e a violencia sexual”. Na súa intervención, Lozano e Méndez van analizar a normalización da cultura da violación, da man dunha potente industria pornográfica que diariamente atrae a milleiros de nenas e nenos e adolescentes en todo o mundo, un dos grandes paradigmas do patriarcado.

También te puede interesar