Galicia

Aberta no Pazo da Deputación a exposición ‘Sempre Marzo’

O vestíbulo do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra amosará ata o 7 de novembro a exposición “Sempre Marzo”, na que 33 artistas galegas poñen de manifesto o seu compromiso co feminismo a través da plástica e da poesía.

A mostra foi inaugurada este xoves por Carmela Silva nun acto que tivo unha lembranza e a condena dos feminicidios desta semana en Valga e Madrid. “Non hai sociedades decentes se ás mulleres nos seguen a asasinar polo mero feito de ser mulleres –asegurou a presidenta da Deputación-. Por iso, hoxe máis que nunca precisamos que sempre sexa marzo; precisamos un berro pola igualdade, clamar alto e forte para rachar con esta lacra social que se chama violencia machista e que esta semana negra trouxo consigo o asasinato en Valga de Sandra e Alba Boquete e Elena Jamardo, e en Madrid de Adaliz Villagra”.

Silva citou as palabras de Yolanda Castaño, comisaria da exposición, no limiar de “Sempre Marzo” ao afirmar que a mostra pretende “que nunca se enfríen as brasas da páxina” escrita polo feminismo. “Ata que a última agresión se borre -leu Silva-, a última suspicacia se difumine, e unha horizontalidade ampla e clara coma un papel nos harmonice, no noso almanaque ha de ser marzo cada mes”.  A presidenta provincial  tamén reivindicou, recordando palabras de Ledicia Costas, que “non queremos ser bonitas. Queremos ser libres. E coa forma dos mil candís que mantemos prendidos incendiar esta noite perpetua”.

O acto de inauguración da mostra “Sempre Marzo”, que reúne obras artísticas orixinais e unha selección de poemas manuscritos, contou tamén coa actuación da pianista Katia Linke, que interpretou tres pezas a piano, e cun recital poético a cargo de María Xosé Queizán, Miriam Ferradáns e Yolanda Castaño. Precisamente Castaño coordina o libro “Sempre Marzo”, publicado por A Xanela Editorial nun estoxo de madeira e que se exporá tamén no vestíbulo do Pazo Provincial, xunto ao cadro co limiar e ao abecedario deseñado por Elhaba Carballo (cuxas letras en capitular inician cada un dos poemas do libro).

En total, a exposición “Sempre Marzo” presenta unha selección das obras que as e os 33 artistas participantes no proxecto plasmaron no libro. Trátase de 21 creadoras e creadores (17 mulleres e 4 homes) e 12 poetisas que conforman, como subliñou a presidenta, “o mellor da cultura galega, que vive unha nova primavera”.  Todas as obras de “Sempre Marzo” foron, ademais, realizadas ex profeso para este traballo.

También te puede interesar