Destacados Vigo al día

@MareaVigo denuncia que o Goberno local non aproveita urbanizacións coma a do Barrio do Cura para crear vivenda pública

“Lonxe de traballar nos aproveitamentos lucrativos dos convenios urbanísticos, o Concello está evitando ter vivendas en propiedade directa que permitan dotarse de parque co que dar resposta tanto a situacións de emerxencia como á creación dun sistema de vivenda pública con alugueiros regulados”.

Así explicouno este martes o voceiro municipal de Marea de Vigo , quen volveu demandar “un  sistema que evite, dende a xestión pública, os brutais incrementos nos alugueiros urbanos que estamos a vivir en Vigo e que xa son dos principais problemas aos que se enfrontan as familias viguesas”.

Pisos municipais para pagar o rescate do Mar de Vigo

Rubén Pérez lembrou a “errónea decisión de 2014” de acometer a venda os pisos de República Arxentina, e que un ano despois, xa coa Marea de Vigo no consistorio, foi negada a posibilidade de paralizar a venda cando aínda quedaban 16 vivendas, coa opción de empregar os recursos económicos obtidos, naquela altura 5 millóns de euros, en adquirir outras con valores catastrais menores para aumentar o parque.

“Non se nos fixo caso e finalmente os 5 millóns de euros foron empregados para o rescate infame do Auditorio Mar de Vigo” asegurou  Pérez.

Barrio do Cura

No caso do barrio do Cura, o criterio do 30% da reserva para a vivenda suxeita a algún réxime de protección pública, aplícase, según Marea de Vigo, “de xeito sorprendente á edificabilidade e para os terreos que son necesarios para o proceso de urbanización” e non “ao número final de vivendas existente”.

Isto o que vai facer, aseguran dende Marea de Vigo, é que “cando estean rematadas as 400 vivendas existentes apenas o 7,5% terán algún tipo de protección. Un proceso máis de converter os centros urbanos en espazos privativos para as clases traballadoras da cidade”.

Para a concelleira Oriana Méndez, un feito indicativo disto é “a celeridade de propoñer o túnel soterrado de Porta do Sol con saída en Alfonso XII, un túnel que de xeito descarado é un servizo complementario do proceso de urbanización máis que unha alternativa para o soterramento da Porta do Sol”.

“Este proxecto  fíxose ademais saltándose varios dos requisitos da UE para os proxectos DUSI, como é a consulta e recollida das demandas da veciñanza da zona”, concluiu a concelleira.

 

También te puede interesar