Vigo al minuto

A desaparición de Vulcano supón “perder un estaleiro con capacidade de empregar a un milleiro de persoas”

Concentración en Vigo para denunciar a falta de compromiso de Xunta e Goberno con Vulcano

CIG, CCOO e UGT desenvolveron este luns unha concentración diante da delegación da Xunta en Vigo para denunciar a “falta de compromiso das Administracións públicas co sector naval, o que aboca ao peche ás principais empresas, como é o caso de Vulcano, e supón a destrución de centros de empregos”.

Dende os sindicatos critican o papel que están a xogar tanto o Goberno galego como o estatal na grave crise que atravesa a industria naval da Ría de Vigo, un sector fundamental para a comarca e estratéxico para o país.

“Até o de agora o naval vivía da propaganda, xa que se anunciaba a súa recuperación en base ao número de construcións contratadas sen ter en conta o número de horas de traballo que ía supoñer”, sinalou o responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo.

César Rodríguez advertiu de que é imposíbel que o sector “aguante” e poida chegar a recuperarse nun futuro. Como exemplo cita o caso de Vulcano, o segundo maior estaleiro privado do Estado, “que se atopa en proceso de liquidación e que vai deixar a 69 traballadores na rúa”. Mais para o responsábel sindical máis preocupante aínda é que a súa desaparición supón “perder un estaleiro con capacidade de empregar a un milleiro de persoas, incluíndo a industria auxiliar”.

Isto terá consecuencias nefastas para a comarca de Vigo, “xa que no caso de que se perdan as instalacións do estaleiro vai supoñer a perda definitiva de centros de empregos industriais, o que repercutirá no resto de sectores”.

También te puede interesar