RGPD - Cookies
'Qué te cuentas?' Galicia

@depo_es aproba axudas de Emerxencia para familias de vinte concellos da provincia

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as Axudas Básicas de Emerxencia que percibirán vinte concellos da provincia, cun investimento de 175.000€.

Estas axudas están dirixidas aos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes e, como explicou Carmela Silva, todos as solicitaron e as percibirán, de xeito que en vindeiras semanas se irán aprobando as restantes, cun investimento que ascende en total a 465.000€.

Alimentación, vivenda ou axuda á infancia

Silva explicou que estas axudas sociais se destinan a gastos en alimentación, gastos de vivenda, pagamento de recibos, pagamento de produtos de hixiene e limpeza, pago de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos, pagamento de desprazamentos, pagamento de lentes ou audífonos, pago de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio e axudas de apoio á infancia.

Os primeiros 20 concellos

Máis polo miúdo, nesta primeira quenda de axudas entran os concellos de A Cañiza, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Agolada, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Forcarei, Fornelos de Montes, Meis, Moraña, O Grove, O Rosal, Poio e Salceda de Caselas. Os veciños e veciñas poderán solicitar estas axudas a través dos Servizos Sociais dos seus propios concellos.

Axuda a 1.700 familias

A presidenta da Deputación lembrou que no 2018 estas Axudas Básicas de Emerxencia deron cobertura ás necesidades básicas de 1.700 familas. Delas, 1.272 tiñan menores ao seu cargo e 967 tiñan a ambos proxenitores en situación de desemprego. Así mesmo, 299 eran familias monoparentais; 352 eran usuarias do Servizo de educación e apoio familiar e 48 usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Ademais, 62 eran mulleres vítimas de violencia de xénero, 284 das persoas tiñan diversidade funcional ou grao de dependencia recoñecido, e 255 eran persoas maiores.

También te puede interesar